«Quixen facer unha viaxe sonora de Pontevedra cara América»

MARÍA CONDE PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

O músico editou «Alén do mar», primeiro disco en solitario

15 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O gaiteiro Óscar Ibáñez ven de publicar Alén do mar, o seu primeiro disco en solitario. Un traballo que toma como inspiración un poema de Ramón Cabanillas, O fillo de Celt, e no que fai unha viaxe sonora desde Galicia a América a través do Atlántico. «Alén do mar -di- responde ao resumo da miña experiencia vital polo que contén as linguaxes máis representativas das influencias musicais, que me marcaron, e que fun recollendo en máis de 30 países europeos e latinoamericanos. Deste xeito neste disco conflúen a música galega, a sonoridade celta e xéneros de ida e volta como a habanera, o choro ou o tango».

-O traballo mezcla muiñeiras, con habaneras, flamenco... ¿por que esta fusión?

-Toda cultura é mestiza e neste traballo quixen mostrar unha imaxe da música galega máis aberta, tendo en conta a entrada do influxo cultural europeo na Península a través do Camiño de Santiago e facendo unha viaxe sonora dende Galicia, máis concretamente dende Pontevedra, cara América que discorre polo Atlántico. A música galega está moi presente en Latinoamérica grazas aos emigrantes, que foron durante moito tempo os nosos mellores embaixadores, pero sobre todo en Arxentina, Cuba, Venezuela e Brasil. E quixen que estas linguaxes estiveran presentes no traballo usando como fío condutor a música galega. En canto á presenza dunha pincela flamenca na Xota de Forcarei ten a súa xustificación en que a «farruca», que é un pau flamenco de finais do século XIX, ten a súa orixe nos cantos dos emigrantes galegos na súa viaxe a América que suspiraban polos amores deixados.

-En clave local, recolle muiñeiras de Perfecto Feijoo ou composicións celtas de Quiroga.

-Para a selección dos temas primaron tanto a melodías en si mesmas coma as historias das músicas de ida e volta así coma as vivencias de músicos coma Perfecto Feijóo, Manuel Quiroga ou Ricardo Portela, que noutrora tamén cruzaron o Atlántico para conquistar América coa súa música. Toda a importante información vai recollida no libreto que acompaña o disco e é fundamental para a comprensión do mesmo.

-E hai tamén un tema dedicado ao pirata Benito Soto.

-A temática do traballo é o atlantismo, e se en Pontevedra hai algún personaxe que surcou o Atlántico ese foi Benito Soto, o pirata da Moureira, quen comezou a súa curta aventura en Brasil coa Burla Negra para dedicarse á piratería saqueando toda canta nave inglesa, norteamericana ou portuguesa se cruzou. Non se trata dunha homenaxe, senón máis ben dunha referencia. A verdade é que tratei de incluir todas as referencias pontevedresas posibles, polo que quixen incluir a historia de Soto nun tema, ao que lle demos unha sonoridade moi celta, composto polo gaiteiro e acordeonista Emilio Estévez Núñez e arranxado polo guitarrista Carlos Calviño e por min.

ÓSCAR IBÁÑEZ músico