«Un país sen educación e sen cultura é un país sen futuro»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

SIMÓN BALVÍS

12 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que o nome de Xesús Laíño saltou á luz pública hai xa uns anos, na esfera política da Pobra do Caramiñal, hoxe en día está involucrado nun eido totalmente distinto, a cultura. El foi un dos fundadores de Barbantia, asociación que na actualidade preside. Asegura que a crise actual sitúa a este e a outros colectivos similares nunha situación case límite.

Laíño recoñece que o momento actual é quizais o máis complicado da historia de Barbantia, unha iniciativa impulsada por Antón Riveiro Coello: «A finais do 2004, un grupo de amigos decidimos que sería bo crear unha entidade supramunicipal que dera saída a presentacións de libros, conferencias e actividades similares. A idea xurdiu a raíz da necesidade que había».

Desde entón ata agora, este grupo de amigos, ao que se foron anexando un bo número de barbanceses, veu cumprido o seu primeiro gran obxectivo: «Dinamizar a vida cultural da bisbarra». Aínda así, Laíño apunta que «nunca se consegue todo completamente, o mellor sempre é inimigo do bo».

Para o pobrense, os oitos anos de traxectoria que ten a entidade xa son todo un éxito, ao que poden engadirse logros máis concretos: «O anuario, ter un voceiro na prensa ou ter presentado libros importantes, tanto de autores da comarca como de fóra dela». Laíño recoñece que queda moito por facer pero, no momento actual, confórmase con sobrevivir: «Este ano creo que nos imos conformar con seguir adiante cos proxectos que están en marcha; logo, de cara ao futuro, haberá que ver se hai posibilidade de ir ampliando».

Futuro incerto

Xesús Laíño ten claro que Barbantia en particular e a cultura en xeral están a vivir o momento máis difícil: «A redución de subvencións substitúese con vontade e con gañas, pero está claro que a organización de actividades require dispoñer de cartos». Moito ao seu pesar, o pobrense non ve indicios que a situación vaia e mellorar a curto prazo: «Os políticos din que non se pode vivir das axudas, pero eles subvencionan aos bancos. O que está claro é que un país sen educación e sen cultura é un país sen futuro».

Vinculado aos eidos da cultura e da educación desde sempre, Laíño non dubida en asegurar que a situación actual é dramática: «Estamos retrocedendo a niveis dos anos sesenta». Confía en que unha comarca dinámica como é Barbanza se salve, pero manifesta que a redución das políticas culturais dos concellos está a facer mella entre os artistas: «Os creadores tamén comen e, polo tanto, está claro que perciben a crise; pero o feito de que se vexan reducidas as actividades culturais tamén os desanima, pois a arte pretende chegar ao público».

O presidente de Barbantia ten medo de que o camiño andado ao longo dos oitos últimos anos quede de súpeto deserto: «Logramos unir vontades, aínda que non todas, e crear unha dinámica e unha relación entre a cultura e a sociedade, pero agora hai que seguir alimentándoa».

Laíño madura esta e outras reflexións mentres da longos paseos polo Areal, o seu recuncho preferido: «É un lugar moi relaxante. A min gústame pasear mentres contemplo a ría».

Xesús Laíño

55 anos

Profesor de secundaria

O paseo do Areal: «Un lugar relaxante, onde pasear vendo a ría»