«O PP en Calvos quere conseguir o que non logrou nas urnas»

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

O alcalde foi absolto tras ser acusado de prevaricación

12 ene 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Aquilino Valencia é o alcalde socialista de Calvos de Randín desde xuño do 2007. Acaba de ser absolto polo Xulgado do Penal 1 de Ourense despois de ser denunciado polo voceiro do PP, tanto el como outros tres edís. Acusábano dunha presunta prevaricación nos orzamentos do ano 2009. O alcalde non se sorprende de nada disto e asegura que foi vítima dunha «emboscada» que non defende os intereses dos veciños.

-¿Como se sente?

-Ben. A sentenza non me causa ningunha sorpresa porque estabamos esperando ese fallo. Tiñamos a conciencia tranquila. A sorpresa sería que a sentenza fose condenatoria.

-Vostede coñeceu o fallo o xoves. ¿Que lle din os veciños?

-Os veciños estaban indignados porque coñecían o tema. Para a prensa e para quen non coñecen a situación pódelles parecer o que non é. O PP, no pleno dos orzamentos, puido votar en contra mais agarráronse á marrulla do asunto, tendéronme unha emboscada. Nós non aprobamos os orzamentos nunha xunta de goberno. Foi no pleno. O pleno delegou na xunta de goberno a resolución das posibles alegacións que puidera haber. Pero esa competencia non era delegable e nós non o sabiamos. Iso foi todo o desastre que eles viron.

-Falamos entón dunha cuestión administrativa.

-Efectivamente, pero eles acudiron á vía do penal. O PP quere conseguir o que non foi capaz de lograr nas urnas.

-¿Cal foi esa emboscada?

-Tivemos unha secretaria que cesei e tiña enemistade comigo. Aproveitou a arremeter para que se me acusara de que eu actuara ilegalmente. Mais entón, por que o informe non o rexistrou. Ela non ten ningún documento asinado por min e os xuíces non son tontos. Aí queríame trincar. ¿Que necesidade tiñamos nós de querer ir en contra da normativa? ¿Para que? Os orzamentos preparounos a secretaria, déuselle liberdade para elo, que eles son os técnicos. Eu pedínllelo así. Nós aprobamos eses orzamentos e so cometemos o fallo de delegar a resolución de alegacións na xunta de goberno. Xa ve que delito. É máis, os testigos deles admitiron que os orzamentos eran beneficiosos para o Concello porque grazas a eles puidose facer a praza diante do Concello e por o alumeado público cun importante aforro enerxético. Coa denuncia se lle fai dano ao Concello.

aquilino valencia salgado alcalde de calvos de randín