Agustín Fernández Paz: «Hai moita xente que chega ao libro galego porque o len os fillos»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

FIRMAS

Óscar Vázquez

Agustín Fernández Paz mantén unha sólida crenza nos beneficios da promoción da lectura na sociedade, para a que reclama unha política pública firme e de longo alcance

07 ene 2013 . Actualizado a las 11:10 h.

A calidade da longa obra literaria de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) está avalada por premios e tamén por milleiros de lectores. Ademais de autor, é un observador da creación cultural galega, en especial a literatura infantil e xuvenil, e mantén unha sólida crenza nos beneficios da promoción da lectura no conxunto da sociedade, para a que reclama unha política pública firme e de longo alcance.

-Os lectores mozos son o soporte dunha porcentaxe moi alta da edición galega, o cal ten fortalezas e debilidades. Primeiro, unha importante masa lectora nunha idade crucial.

-A creación de lectores é unha das grandes virtudes da literatura infantil e da xuvenil, que convén ir distinguíndoas. O proceso lector é longo e lento, e é imprescindible ter libros para todas as súas etapas. O obxectivo xa non é que un neno lea de cativo o Quijote, senón que o obxectivo último é preparalo para que o poida ler cando o entenda en toda a súa complexidade, e para iso hai milleiros de libros para ler no medio dese proceso. Nese sentido, as editoras galegas estano facendo moi ben e ademais están sendo máis arriscadas e innovadoras, en xeral, que os selos estatais. Hai un ar de liberdade na literatura infantil e xuvenil en Galicia que non se dá noutras partes. E logo ten outra virtude, que é que moita xente chega ao libro galego porque o len os fillos, que o levan a casa. Pais e nais que doutro xeito non lerían nesta lingua fano grazas aos libros dos rapaces.

-No apartado das debilidades poderíamos preguntarnos por que eses rapaces que len tanto, logo deixan de facelo unha vez adultos.

-Exactamente: aí é onde está fallando o elo da cadea. É evidente que no ámbito infantil, e en menor medida no xuvenil, o sistema escolar actúa como un mediador eficaz no seu conxunto, aínda que hai centros que fan moito, outros regular e outros nada. En cambio, para os adultos non existe ese sistema social, ese labor de promoción lectora non existe. É certo que hai redes de bibliotecas, como as da Coruña ou Oleiros, que son modélicas, e cada vez hai máis clubs de lectura, pero nun número inferior ao que se debera. E ao libro galego faille falta ese labor, porque ¿onde está o libro galego nas librerías? Sabémolo todos. Por iso son imprescindibles as políticas públicas de promoción da lectura, que son redes mediadoras e de difusión, para evitar ese fallo: que a semente lectora que botamos nos rapaces non se perda cando cheguen a adultos.

-Quizais pensen que ler é algo que se fai de mozo, pero non de adulto. Vostede ten falado dese dobre prexuízo que sofren os que escriben para rapaces e ademais en galego. ¿Segue vixente?

-Segue, e afecta a todos os produtos culturais que se vehiculan en galego, sexa cine, música ou literatura. Estase facendo bo cine en galego, pero ninguén o sabe, vese pouco nos medios. Falabamos antes de que hai pais que chegan ao libro galego polas lecturas dos fillos. Pero cando chegan, nótase.

-¿E como se mudan esas actitudes?

-Só podemos combater eses prexuízos con actitudes positivas que os vaian diluíndo e contar con políticas públicas que leven a lectura a todos os ámbitos e idades, de xeito transversal. Hai un voluntariado formado por xente entusiasta, que le, recomenda, fai listas de libros... é algo que me parece fenómeno, pero non se pode quedar aí. As políticas teñen que contar con orzamentos. As campañas son moi bonitas, pero sen orzamentos quedan en nada. En Galicia temos o servizo de bibliotecas escolares, que traballa moi ben, pero é que só son dúas persoas, así que chegan ata onde poden chegar; deberían ser un mínimo de dez. É certo que dende hai dez anos ata hoxe se avanzou moito, grazas a xente que vai furando e abrindo ocos.

agustín fernández paz escritor