Teira, a mirada creadora


Poeta, debuxante, pintor e escultor, Manuel Teira caracterízase por uns riscos inconfundibles: esforzo, pluralidade de intereses, creatividade de forte alento poético e apertura á vangarda sen esquecer a tradición.

Esforzo continuo por formarse en diferentes artes, por dominar a materia e a palabra, por perfeccionar técnicas diversas, sempre cun forte desexo de expresividade e de comunicación, unha comunicación que esixe unha concentración da mirada e unha síntese conceptual máis alá da aparencia, para percibir como as formas ocupan o espazo, o enriquecen e amplían a percepción do espectador.

Unha pluralidade de intereses que lle permite non só cultivar artes diferentes senón tamén formas diferentes, estilos variados que, non obstante, conservan unha unidade propia dun estilo persoal, cunha forte raíz popular, un realismo expresivo que ás veces foxe ao puro mundo abstracto das formas. A perfecta unión de arte e artesanía, a creatividade con competencia técnica, propia de quen foi un autodidacta no sentido real do termo, é dicir, non un afeccionado nin un inxenuo, senón un artista que foi aprendendo a través de lecturas, loitas técnicas cos materiais, reflexión e intercambio con outros artistas: autorreflexión. Nada máis lonxe do autodidacta entendido como aquel que non ten formación técnica senón como aquel que en diálogo coa arte do seu tempo e do pasado, foi adquirindo unha mirada creadora. Alento poético natural en quen cultiva a palabra, en quen publicou un volume, Detido nos confíns, para facerse tamén dono das palabras da nosa lingua, alento que pasou á pintura e á escultura. E todo isto nun home inquedo, con fortes compromisos sociais, que pretende dominar ata onde é posible o espazo, mais tamén deixar o lugar suficiente de reflexión para que os espectadores completen o esforzo que é a arte. Unha mirada creadora para enriquecerse e enriquecernos, para fornecer unha maneira de ver esencial máis alá do ruído das cousas. Ver o que de verdade importa, o que de verdade conta.

O artista pobrense é poeta, debuxante, pintor e escultor FOTo SIMÓN BALVÍS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Teira, a mirada creadora