O furacán con ollos lalinenses

Naomi Fernández conta a súa experiencia destes días en Brooklyn


nova iorque

O furacán Sandy, que está a perder forza camiño de Canadá, deixou devastación ao seu paso por Nova Iorque onde reside a lalinense Naomi Fernández que viviu en primeira persoa a súa pegada.

VENRES

15.00 horas. Traballo como planner estratéxica nunha axencia de publicidade en Nova Iorque e foi o venres nunha reunión cando me enterei de que o furacán viña de camiño. Non me quitou o sono. Pensei que co esaxerados que son moitos americanos esta vez ía ser o de sempre: moito ruido e poucas noces.

sábado

08.30 horas. Fixo un día bo, con temperatura agradable e nin pizca de vento (¿non din iso de que antes dunha catástrofe todo permanece en silencio?). Despois de dar un paseo en bici e dunha clase de ioga, toca preparar o disfraz para a festa de Halloween. Á volta xa se nota que o termómetro baixou e o aire sopla.

domingo

12.00 horas. A ver se vai ser certo que Sandy se acerca... o vento fai cousas raras, pois tanto ven un refacho forte coma non sopla nada. E ante tanta recomendación de non saír da casa e de que ata vai cerrar o metro ás cinco da tarde (o metro! na cidade que nunca dorme o metro nunca pecha!) o mellor será ir face-la compra que, como din na miña casa, de comer que non falte.

luns

09.00 horas. As oficinas da axencia, que están en Madison Square Park en Manhattan non abren. Aínda que tampouco habería como ir en transporte público: non funcionan nin autobuses nin liñas de metro. Toca traballar dende a casa. O vento sopla forte e a choiva peta contra os cristais. ¿O máis impresionante por agora? Que non hai case coches na rúa e iso agradécese tanto...

16.00 horas. De momento hai Internet, auga corrente, luz... e sigo pensando que calquera día de inverno pecho en Puxallos o vento sopla tan forte coma aquí hoxe.

19.00 horas. Varios amigos de Galicia e Madrid preguntan se estou ben e se estou preparada para a chegada do furacán. No meu embobamento co traballo nin me enterara de que o peor seica está por vir. De feito pensei que xa o tiñamos enriba porque ó longo de toda a tarde o aire soplaba máis e chovía máis forte.

22.00 horas. Xa hai unha chea de fotos do que Sandy anda a facer por ahí fóra. Supoño que feitas por xente que, coma min, tiñan a curiosidade de saír para ver que pasa e botouse á rúa. Son poucos, por non dicir ninguén os que eu vexo pola ventana. Tódolos meus amigos, como a maioría dos habitantes de Nova Iorque, estamos encerrados dende domingo sen saír da casa.

24.00 horas. Hai refachos de vento que asustan un pouco e escóitanse golpes de vez en cando. Supoño que de chapas que o aire leva. Pola ventana tan só se ven luces de coches da policía e todo está pechado. Ata o Deli da esquina que sempre está aberto...

martes

09.00 horas. Outro día traballando dende a casa. O metro está inundado en moitas partes e tódalas liñas están suspendidas. Eu collo tres liñas de metro para ir ó traballo e acabo de ler que os túneles que comunican Brooklyn con Manhattan están inundados. O vento xa non sopla tan forte, aínda que segue chovendo. Pódense ver pólas de árbores tiradas, sinais torcidos, anacos de chapas e ata unha pelota de praia voando pola estrada (cousas raras de Nova Iorque).

23.00 horas. O vento foi amainando polo día e cada vez hai máis xente pola rúa. Eu tamén necesito saír para non tolear aquí dentro. Aínda que aquí, nesta parte de Brooklyn, non fixo moito dano, cada vez chéganme máis novas de como o viviron algúns amigos por outras zonas da cidade: algúns foron evacuados das casas, por exemplo, o edificio de Manhattan onde vivía eu antes; outros seguen sen luz e sen auga nas casas; outros tiveron que improvisar arranxos porque se caían paredes nos seus pisos; teño dous amigos que están en Canadá cos voos cancelados e non poden voltar de momento...

mércores

12.00 horas. Polo de agora o metro segue sen funcionar, de feito pódense ver vídeos de como algunhas liñas da zona financieira de Manhattan están anegadas baixo a auga. Mañán será outro día de traballo dende a casa. E só teño unha cousa en mente: este furacán castigou con forza a Nova Iorque, pero Sandy azoutou primeiro e moito máis forte a países como Cuba, Haití, Jamaica ou República Dominicana. Eles foron os verdadeiros e máis duramente afectados e deles case non se fala.

diario dende estados unidos o paso do sandy

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O furacán con ollos lalinenses