«Non propoño reflexións, eu só fago literatura»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

FIRMAS

Edicións Xerais presenta «Palabras de auga», de Marcos Calveiro, Premio Merlín de literatura xuvenil e infantil

25 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Marcos Calveiro gañador da última edición do Merlín, premio que concede Xerais todos os anos á mellor novela de literatura infantil e xuvenil en Galicia, presenta mañá Palabras de auga. O acto comezará ás 20 horas, na Casa do Libro, e contará con a presenza de Agustín Fernández Paz, o ilustrador do libro, Ramón Trigo, o director xeral de Edicións Xerais, Manuel Bragado, e o propio autor.

-¿Por que elixiu África como marco da novela?

-Foi ela quen me elixiu a min. Naceu dunha nova que lin nun xornal. Contaba que no Sahel, unha zona de moita fame, as mulleres non tiñan outra que procurar nos formigueiros os grans recollidos polas formigas. Pareceume unha imaxe tan impactante da condición humana que naceu a historia.

-¿Como fixo para poñerse na pel dun neno que está a piques de abandonar a infancia?

-Teño un neno de doce anos. A novela é en África pero non deixan de ser relacións entre pais e fillos, e a maternidade e a paternidade son universais. Están nunha situación dramática pero, no fondo, os conflitos poder ser semellantes nunha familia de aquí con todos os seus membros no paro. Eu tiro do neno que teño na casa, dos nenos que vexo cando vou aos centros de ensina a dar charlas e dos nenos doutros libros e filmes. Meto pinceladas de todos eles.

-¿Cando escribe unha historia quere propoñer unha reflexión?

-Non, eu fago literatura. Cando escribo non teño moita idea para que público vai ir enfocada. Cando remata, a le algún amigo de confianza e di: «Isto pode ser infantil, xuvenil ou para adultos». Non penso no público, é a historia a que pide un xeito de contala. Nesta novela comecei coa figura da nai pero rematei co neno levando o peso da historia.

-¿Quere dicir que non decide vostede a catalogación?

-A última palabra a teño eu. Quero dicir que en ocasións teño dúbidas entre a xuvenil e a de adultos, non na infantil que non pode ser moi complexa tecnicamente, e algún lector de confianza dame a súa opinión.

-Ao longo da súa traxectoria ten gañado moitos premios, ¿inflúe na súa produción?

-Agora non teño problemas para publicar. A posibilidade dun premio, non imos negalo, ten a repercusión económica que teñen moitos deles e que lle dan visibilidade ao libro. Se este libro non fose premiado probablemente non estariamos falando porque a literatura galega ten poucos espazos.

-¿Pero non din que goza de boa saúde a literatura infantil e xuvenil en Galicia?

-A literatura infantil e xuvenil galega probablemente sexa a mellor do Estado español tanto en calidade como en cantidade. Empezas a dicir nomes e non paras, tanto clásicos como novos. É a literatura máis internacional que ten Galicia porque é traducida a moitísimos idiomas, como o coreano, o chinés ou o inglés e francés, algo que non lle pasa á literatura galega de adultos. É un sector que debido a moitos motivos está aguantando un pouco a crise.

-Philip Roth di que os lectores van desaparecer.

-Creo que será ao contrario. Profesionalizarte e vivir da novela é moi difícil e queda para que teña outro medio de vida e poda publicar de cando en vez. Lectores sempre haberá e libros hai moitos escritos na historia da literatura. ¡Dios mío, mira que non hai clásicos escritos! Aínda que mañá deixasen de publicar libros teriamos libros para ler durante mil e unha vidas. Non habería problemas. Acabarán antes os novelistas.

-¿Como coordinou o traballo co ilustrador Ramón Trigo?

-Xa traballamos en seis libros e teño plena confianza nel. De feito, non vin os bocexos ata o final, pero o libro gañou moito coas ilustracións; son case pictóricas, simbólicas moitas delas. Creo que está aí África.

marcos calveiro escritor