Di que nacionalistas e socialistas demostraron que poden facer gobernos «útiles» na Deputación de Lugo
19 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.José Ramón Gómez Besteiro resposta nunha pequena cafetería preto da Deputación de Lugo e da Praza de Abastos, onde vai facer a compra antes de marchar subido na súa motocicleta vespa.
-Xa fixo as maletas e ten data para marchar? Porque Pachi di que vai pechar as deputacións...
-Non, non. Pachi deixou claro que aposta por un modelo de deputacións distinto da xestión que fixo nelas o PP. Pachi quere, como calquera bo galego, que as deputacións funcionen ben e que estean ao servizo dos concellos e traballen con eles.
-¿A experiencia de goberno na Deputación co BNG é un modelo para unha posible coalición?
-Eu creo que na Deputación demostramos o que é un goberno útil no que as diferenzas se traducen en vantaxes e non en problemas. De feito xa levo anos sen que ninguén me pregunte pola relación co BNG e iso é porque o goberno vai ben.
-O vexo máis lonxe do goberno en minoría que a compañeiros socialistas como Caamaño...
-O tipo de goberno o dirán os galegos, eles decidirán. E se eu fora votante entendería que Feijoo está asustado, porque non oferta nada e solo anda a meter medo e falar maldicións dun posible goberno de coalición.
-¿E o partido estará con Pachi cando chegue o día de negociar?
-Totalmente e de forma radical. O partido vai estar a tope co proxecto. O PSOE é un partido serio, responsable e de goberno que sabe traballar por Galicia.
-Raquel Arias, do PP, di que o goberno da Deputación de Lugo sae tan caro como o da Xunta.
-Pois está claro que non sabe do que fala e non sabe que o seu presidente da Xunta, que ten 70 asesores no Goberno. Aquí o primeiro que fixemos foi prescindir dos 56 coches alugados que tiña o noso predecesor, do PP, e quedar con 19 e aforrar máis dun millón de euros... Pero sabe o que é caro de verdade? Non facer nada, duplicar a débeda pública e que non se note, como fixo Feijoo na Xunta.
-Nada non é esaxerado?
-Non. Nin nomeou un conselleiro de Lugo, nin fixo nada contra o problema demográfico, que é o máis grave de Galicia e da provincia. En Lugo desaparecen 19 aldeas cada ano e hai 591 abandonadas. Iso si, en todas esas aldeas hai déficit cero.
-¿E non pasou xa o tren para darlle solución a ese problema?
- É urxente actuar xa, teña en conta que en cinco anos moitos pobos terán máis da metade por riba dos 65 anos, e se non facemos algo estaremos ante a morte do país. Temos que darlle posibilidades a xente nova porque non parece que vaian quedar aquí polo déficit cero.
-¿Pero como o faría?
-Hai que darlle un xiro radical ao sector primario. Para Lugo as vacas son como os Citroën para Vigo, pero o abandono do territorio é altísimo, e máis do 12% está desaproveitado. Aínda así, Lugo ten moitas potencialidades. En biomasa, por exemplo, a provincia podería ser o verdadeiro Kuwait da Unión Europea. Tamén hai opcións en outras enerxías renovables, no turismo... Hai potencial para desenvolver, pero esta Xunta de Galicia non apostou nunca pola provincia de Lugo.
José ramón Gómez Besteiro Secretario xeral do PSOE de Lugo