«Na vía rápida canseime de sacar a xente, viva e morta»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS CREO

06 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Máis de media vida leva Eduardo Moledo ligado á agrupación de Protección Civil de Noia, un colectivo que espertou nel o «gusanillo» nada máis coñecela e que, sen dúbida, o fixo forte diante das adversidades. Aínda que pouco ten que ver o eido das emerxencias coa súa primeira profesión, a mecánica, das verbas do noiés despréndese que existe auténtica paixón pola labor que leva desempeñando nas tres últimas décadas.

Moledo entrou en contacto con Protección Civil a través do pasatempo que tiña cando traballaba como mecánico, pois era radioafeccionado, unha afinidade que compartía co que foi o primeiro responsable da agrupación noiesa: José Nine. Foi a morte tráxica deste a que levou a Eduardo a asumir o reto de dirixir o grupo de emerxencias: «Eu naquel momento xa deixara a mecánica e traballaba de comercial na zona de Castela. Chamáronme dicíndome que me precisaban para darlle continuidade á agrupación e non o pensei dúas veces».

Xa como xefe do servizo, Eduardo Moledo viviu a etapa máis prolífica de Protección Civil de Noia no que a integrantes se refire: «Cheguei a ter ata sesenta mozos comigo que facían a prestación social por declararse obxectores de conciencia. A maiores estaban os voluntarios que se sumaban para os actos programados».

Pero, como é evidente, á fronte dun servizo dedicado a actuar en situacións de emerxencias, non todo son alegrías. Moledo e os seus compañeiros de batalla enfrontáronse a mil e unha situacións dramáticas. Lembra que todo comezou alá polo 92, cando lle concederon á agrupación un equipo de excarceración. Noia converteuse no cuarto punto da provincia en contar con este aparello, despois de A Coruña, Santiago e Ferrol: «Acudiamos non só a todos os accidentes da comarca, senón que chegabamos ata Fisterra».

A chegada do equipo de excarceración coincidiu cunha das etapas máis negras da bisbarra: «Na vía rápida canseime de sacar a xente, viva e morta». Recoñece que alí foi testemuña de escenas que lle gustaría esquecer: «Vivín situacións moi dramáticas, pero un vaise afacendo a todo».

Chegada de reforzos

Por sorte para Moledo e para os seus compañeiros, chegaron os grupos municipais de intervención rápida e tamén máis equipos de excarceración para a comarca. A liberación total veu da man dos bombeiros: «Agora son eles os que se encargan de liberar ás persoas atrapadas, nós imos botarlle unha man en caso de sucesos graves pero, no día a día, o noso eido de actuación é a bisbarra de Noia».

Aínda así, non hai moito que Eduardo Moledo se enfrontou á situación máis comprometida da súa vida. Foi hai cinco anos, no incendio que se declarou no polvorín de Lousame: «O lume estaba chegando a un depósito de dinamita no que se gardaban vinte toneladas de goma 2 e non quería entrar ninguén. Fun cunha motobomba de Noia e controlamos o incendio».

O tempo e as circunstancias curtiron a este noiés. Quizais por iso lembra con tenrura a nenez e elixe como recuncho preferido un lugar da vila noiesa no que pasou boa parte da infancia, a alameda: «Como nos barrios non había puntos de luz, os nenos xuntabámonos alí e no Tapal para xogar».

Eduardo Moledo

52 anos

Xefe do servizo de Protección Civil de Noia

A alameda de Noia, «a onde ía xogar cando era pequeno»