«Cando se nomee un exorcista na diócese, creo que estará aquí»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS MÍGUEZ

En toda España, só sete persoas están autorizadas a practicar este rito

30 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

José Criado Sánchez (Graba, Silleda, 1978) sinteu a vocación sacerdotal aos 12 anos; aínda que nin o seu cura, o desaparecido Manuel Honorato Regal, nin os pais o tomaran completamente en serio, ao rematar a EXG no colexio público de Silleda, trasladouse ao seminario a Lugo.

-¿Como foi a súa formación?

-No seminario fixen BUP, COU e a selectividade. Era entón o momento de decidir: ou pasar ao seminario maior ou facer outra carreira. Despois duns exercicios espirituais no mosteiro de Samos, con don José Antonio Ferreiro, decidín pasar ao seminario maior, onde estudei catro anos. Logo o falecido bispo Frei José enviounos a un compañeiro e a min a estudar na Universidade Pontificia de Salamanca, e licencieime no 2004 en Estudios Eclesiásticos.

-¿E despois?

-Aínda que me parecía unha tarefa complexa, difícil de levar a cabo e de moita responsabilidade, fun formador durante cinco anos no seminario lucense, que lembro con gran cariño, e para min é motivo de alegría que nos dous últimos anos dúas vocacións sacerdotais pasaron polo Corpiño, a Virxe do Corpiño ten algo importante nas vocacións. En xuño de 2009, o bispo don Alfonso Carrasco destinoume para esta zona, e empecei en Santa María de Merza, Santiago de Fontao e San Pedro de Losón. Antes de ser nomeado párroco, don José Donsión díxome se quería axudarlle no Corpiño e vin facelo. Foi unha gran sorpresa a cantidade de xente que había, e a labor importantísima que se pode facer neste santuario. Temporalmente no 2011 levei Bermés, Val, Palmou e Erbo. Dende hai un ano levo Anzo, Madriñán e Méixome, Merza, Fontao e San Pedro de Losón, e o pasado 22 de agosto o bispo nomeoume párroco de Santa Eulalia de Losón e rector do santuario do Corpiño.

-¿Que fai deste un santuario especial, o feito de que a Virxe sexa abogosa das enfermedades da alma?

-A Virxe é boa para todo, e aquí vén xente necesitada de todo, hoxe hai moita xente con moitas dificultades de traballo, cos fillos, pais con enfermedades, moito cáncer, hai moita xente que sufre moito e vén á Virxe do Corpiño a pedirlle a súa protección e axuda para todo. Tradicionamente, hai anos, si é verdade que é sabido de todos que era a Virxe das enfermedades non coñecidas, cando unha persoa tiña calquera enfermedade que non se coñecía viña aquí. ¿Por que? Porque non existían os psicólogos nin os psiquiatras. Hoxe en día toda esa xente que ten esas enfermedades da mente diríxese a psicólogos e psiquiatras e alí son tratados adecuadamente. Tamén é verdade que aquí vén xente que ten males da alma, como posesión e obsesión diabólica. Acude xente aquí a curarse, pero non tería que ser específico deste santuario, podería ser onde o bispo decida, porque son eles os encargados de nomear exorcistas. Na Iglesia temos un manual de exorcismos e se o temos non se pode negar a existencia do demonio, porque así está recollida no catecismo da Iglesia Católica, pero só se realizan exorcismos onde o bispo quere.

-¿Pero este é un dos santuarios que pode acollelos?

-Sí. De momento na nosa diócese non hai exorcista, pero cando o bispo teña a ben nomear un exorcista, eu creo que a súa intención é que estea no Corpiño.

-¿Hai moitos exorcistas?

-Que eu coñeza, podemos falar de seis ou sete exorcistas en toda España: en Madrid, é moi coñecido o padre Fortea; hai outro en Barcelona, dous en Valencia, e un en Murcia. En Galicia hai en Santiago e penso que en Vigo-Baiona. Juan Pablo II pedira aos bispos que tiveran un por diócese, pero eles deciden.

-Pero parece que hai máis mitoloxía que casos reais...

-É verdade que hai moitas enfermedades que incluso supoño que psicólogos e psiquiatras non coñecen moito, e poden afectar moito ás persoas. Pero como posesións diabólicas eu creo que hai moi poucos casos, aínda que non teño formación nese campo para aseguralo.

-A desviación de enfermos a especialistas, ¿ten que ver coa diminución de esceas tétricas no Corpiño?

-Eu esas esceas nunca as presenciei. Agora as misas son normais, hai moita xente que chora, porque empezan a falar da súa vida e cáusalles tristeza, é lóxico que choren. Pero cousas estranas non as vexo.

-E dicía antes que vén xente con moitas outras necesidades.

-Si, ven xente necesitada en todos os campos, hai exvotos de todos os tipos, e mesmo a páxina en Internet está chea de súplicas á Virxe. Aquí acondicionaremos un local para os exvotos, e para a xente que deixa prendas de persoas enfermas para bendecir. Coñezo moita xente que vén do hospital expresamente, e vén pedir axuda á Virxe: é preciosa a fe desa xente.

-O Corpiño estase renovando.

-Estamos en obras, e vaise facer unha gran obra da Deputación de Pontevedra, á que agradecemos a colaboración porque é un lugar ao que vén moita xente, e a Concello de Lalín e alcalde que a xestionan directamente.

josé criado rector do santuario do corpiño e párroco de santa eulalia de losón

«Agora vén xente necesitada de todo, hai anos era a Virxe das enfermedades non coñecidas»