«Son un gran fan do Ecce Homo, calquera ten dereito a ser artista»

Álvaro Sevilla Gómez
álvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS CREO

Recoñece que a súa maior aspiración é poder vivir da arte

16 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Nomeado pola prensa como o Andy Warhol Barbanzano, Manuel González, coñecido na arte como Manu Mimé, é un dos maiores expoñentes artísticos da comarca. El mantén os pes sobre a terra. Sabe que o mundo da arte é un terreo pantanoso, onde é moi complicado andar sen meter a zoca. Iso si, non para, seguirá loitando ata que a arte se converta no motor da súa vida.

-¿Cando empezaches a pintar?

-Foi algo innato, dende neno sempre tiven a idea de plasmar a realidade que me rodeaba. Logo, a partir da adolescencia, había cousas que eu vía e que tiña que dicir dalgunha maneira. Atopei nas artes plásticas a mellor forma de expresarme.

-¿Cando empezaches profesionalmente?

-Foi cando comecei a estudar belas artes, dinme de conta de que nacera para isto, que era ao que me debía dedicar. Estou rodeado todo o día de arte, tanto dunha maneira produtiva como teórica. Atopo noutros artistas o que eu quero dicir, aprópiome deso e intento plasmalo segundo o meu estilo artístico.

-¿Como definiría o seu estilo?

-Quizás coma unha mestura entre cotián e esaxeración. Busco levar accións cotiás a un expoñente superlativo, darlles un toque de grandeza.

-¿Que mensaxe intenta enviar coa súa obra?

-Busco aportar humor, parodia. Na miña obra todo ten ese aire humorístico e irónico. Sempre busco ese dobre sentido.

-¿Estamos ante un mal momento para os artistas?

-Non hai un momento preciso para ser artista. Para calquera persoa que se considere artista calquera momento é bo. Hai que saber aproveitar as oportunidades que che da cada momento. Antes, en época de bonanza, podías aproveitarte de institucións e das empresas. Hoxe en día é algo máis complicado, impera o «faino ti mesmo». Neste caso a cuestión socioeconómica non ten nada que ver coa artística.

-Parece que o artista necesita pasalo mal para facer o seu mellor traballo...

-Cando estás ao límite é cando xorden as grandes cousas. Se vivimos ben, xa o temos todo, calquera cousa vale, non se valora o nivel da arte. Cando realmente necesitas algo, cando tes que poñer o mellor que tes é cando tes que aumentar o esforzo.

-¿Que opina como artista profesional do Ecce Homo?

-Son un gran fan do Ecce Homo, calquera ten dereito a ser artista. Sei que dende o punto de vista do patrimonio cultural é unha gran perda, pero tampouco esquezo que ata que apareceu a señora Cecilia en acción ninguén lle dera importancia ao patrimonio de Borja.

-¿Cal é o seu maior soño?

-Vivir da arte é a miña máxima aspiración. Crear unha fusión arte-vida.

mANUeL GONZÁLEZ GÓMEZ, «Manu Mimé» ARTISTA