Rubén Riós: «Crieime na barra dun ultramarinos»

Nacho Mirás Fole

FIRMAS

Álvaro Ballesteros

O seu nome é unha homenaxe á xente que o fixo persoal e profesionalmente

26 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

«Son actor e produtor de cinema. Continuamente pensando en formas de divertirme no audiovisual». Rubén Rodríguez Rodríguez (1980), que se presenta así nunha rede social de Internet, é o home que vive dentro dunha cabeza que non para, a de Rubén Riós.

-Hai uns días en Nova York, logo o festival de Riós: ¿non rebenta?

-Parece que vén todo xunto. Primeiro, a promoción que fixemos con Vilamor, bastante pouco usual. Despois involucreime no festival de Riós, un certame que naceu un pouco da nada, a través de Abelardo Gabriel, un actor que estivo en Libro de familia comigo, co que compartín moitos momentos e do que aprendín moito. E logo viñeron os premios. Estou un pouco sorprendido, pero contento.

-¿Xa está metido na seguinte?

-Estou cun espectáculo de microteatro que faremos na Tuerca de A Coruña. E estamos na preprodución de Galaicus, que coproduciremos desde a miña produtora Claqueta Coqueta coa produtora de Farruco Castromán e Luís Tosar. Vivo do mundo da interpretación, pero involucreime en distintos campos da profesión porque creo que, indiferentemente do posto que ocupes nun gremio, canto máis saibas do resto máis preparado vas estar.

-¿É compatible estar detrás e diante das cámaras?

-Esa pregunta tamén a fago eu. Agora, as cousas que saen saen de verdade, incluso algunha cousa seria. E ti dis: Para aí, ou dirixo ou interpreto ou que fago. Cometo moitos erros, pero aprendo deles.

-¿Vive ben deste traballo?

-Vivo ben, pero porque me dedico ao que me gusta e porque teño un equipo detrás que, haxa ou non haxa cartos, vai comigo sempre. Vivir do que che gusta xa é unha máxima. O setenta por cen da nosa vida é o traballo e agora, coa crise, igual é o momento de traballar o dobre para aguantar, non para gañar. A dinámica de queixarse non é boa cousa.

-Pasou de ser popular a ser famoso. ¿Como o leva?

-Hai días que apetece máis e outros, menos. O outro día paroume unha señora e falou comigo vinte minutos. Despois dese tempo deuse conta de que eu tiña présa, pero dixo: «¿Tes présa? ¡Pois aguanta, que tamén che aguanto eu todos os domingos e na miña casa non entra ninguén sen permiso, pero ti si!».

-Demoledor...

-Quedei parado. Pero non o levo mal, ao mellor afecta máis ao entorno, á familia...

-¿A familia desconfiaba dos seus soños de artista?

-Houbo varias fases. Primeiro a normal, de non confianza. Logo veu a confianza. E agora estamos noutra etapa, no momento no que necesito dar un salto: eles asústanse doutra volta e retornamos ao punto de partida. Esta profesión é moi complicada, do moito pasas á nada.

-Os de Riós estarán encantados de que leve o nome do pobo polo mundo...

-Sen a súa aprobación isto non sería posible. Levo o nome de Riós porque me criei detrás da barra do ultramarinos que rexentaban os meus pais, e agora meu irmán; a señora Matilde contábame os contos, ía ao río coa señora Luísa... Fóronme facendo entre todos veciños, persoal e profesionalmente.

-¿Xa lle puxeron unha rúa?

-¡Nin o nomees! Non busco iso, non.

nacho.miras@lavoz.es