«Estudar o pasado é unha dura loita contra o desarraigo»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

SIMÓN BALVÍS

O estudoso destaca a importancia histórica do pazo de Goiáns

12 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

José manuel vázquez lijó «Queté» historiador

Dende neno, os veciños de A Pobra ensináronlle ao pequeno Queté a non estreitar lazos coa xente de Boiro. Coñecido é o dito pobrense, afirma José Manuel Vázquez, de: «Do Conchido para alá, nin gando nin xente». El tomouno en serio, ata que coñeceu a unha rapaza boirense que o enfeitizou tolamente. Dende aquela converteuse en fillo adoptivo da vila, ata o punto de esquecer aquela rivalidade e tratar de aportar luz ao pasado de Boiro. Mostra disto é o seu novo traballo: Luces sobre a casa de Goiáns no antigo réxime.

-¿Onde nace esa necesidade por esclarecer o pasado de Goiáns?

-Cheguei ata o pazo dende o mar, dende a illa de Sálvora. Estaba traballando nuns documentos sobre unha explotación de atún e tirando do fío rematei en Goiáns.

-¿Que rol xoga o pasado no presente?

-Axuda a distinguir a moda do progreso, a desenmascarar aos falsos profetas e a valorar os avances tecnolóxicos. É necesario coñecer tódalas pezas do puzle para seguir xogando. Creo que estudar o pasado é unha dura loita contra o desarraigo, axuda a conformar a identidade colectiva.

-¿Como foi o proceso documental da obra?

-Foi longo e moi duro. Comezas creando un guión, unhas preguntas que pretendes responder, pero estas están relacionadas co material que posúes, polo que o guión varía segundo o material que consegues. A documentación non é un fío perfecto do que podes tirar, todo o contrario.

-¿Que significou Goiáns durante o Antigo Réxime?

-O pazo foi o símbolo supremo do poder da familia nas terras do Barbanza. Cando enlazaron coas familias da zona, Nebra, Noia, Rianxo, Sálvora, Carreira tomou unha dimensión moi grande. Ademais, foi un gran centro de oferta laboral e un reduto cultural completamente distinto ao de todo o entorno.

-¿Cal foi o momento de maior esplendor da casa?

-O seu mellor momento material foi a mediados do XVIII, aínda que se tratou de algo efémero. Cando a familia escalou socialmente converteu o pazo na súa segunda residencia e perdeu forza.

-¿Destacou algún personaxe?

-Juan Antonio Caamaño Varela, chegou ao pazo preiteando e aínda que só viviu nel nove anos foi quen de diversificar as bases económicas, conseguiu dotalo de novos recursos. Ademais, foi quen de darlle uns estudos de calidade aos seus fillos, que os levaron a cubrir grandes cargos por todo Europa, embaixadores e altos membros do exército.

-¿Cal é o papel que xoga o pazo na actualidade?

-Ten un papel por definir. Foi complicado conseguir convertelo en ben público, pero creo que se tratou dunha boa noticia. O pazo precisa da colaboración de todos para saír adiante, é tarefa de todos conservalo e dotalo de con contidos

-¿Que proxectos ten de futuro?

-Gustaríame seguir investigando o pasado, pero a falta de financiamento é un gran obstáculo no camiño. Teño dous proxectos, un sobre un ilustre pobrense, Joaquín Mariña Patiño, director da Biblioteca Nacional de España; e outro sobre a illa de Sálvora.