«Coa crise temos que ser máis solidarios con quen o precisa»

P.SEOANE OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

A funcionaria ourensá participa este verán en Nicaragua nun programa de voluntariado relacionado con turismo

24 jul 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

A traballadora do Concello de Ourense Lucía González Álvarez (Vilamarín, 1979) participará este verán nun programa solidario denominado Vacacións con traballo. Irá a Nicaragua.

-¿Que a anima a participar en accións de voluntariado?

-Son unha persoa convencida de que non podemos quedarnos quietos. Temos que tentar reparar a débeda histórica que temos cos países do Sur. O Norte sempre explotou ao Sur. Aínda coa independencia política, hai moitos países que precisan axuda. Non deberiamos escondernos.

-¿Ten participado en outras actividades similares?

-Sempre estiven vinculada a oenegés. O ano pasado estiven en campamentos de Tinduf, en Arxel, e resulta unha experiencia enriquecedora a nivel persoal, aparte do que podes aportar de coñecementos naqueles lugares aos que vas.

-Vostede vai a Nicaragua para participar nun programa de desenvolvemento turístico. En Ourense traballa no departamento de termalismo...

-Do que se trata é de ofrecer unha visión diferente para tratar de mellorar a estrutura económica do lugar onde faremos o traballo, para que poida obter riqueza co turismo.

-A selección dos voluntarios fíxoa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co que colabora o Concello de Ourense.

-Somos catro persoas, de Monforte, Malpica, Santiago e Ourense. Iremos a Cuba, Cabo Verde e Nicaragua. Son proxectos relacionados coa igualdade de homes e mulleres, turismo, rehabilitación e construción.

-O Concello de Ourense mantén o seu apoio ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A Deputación retirou a súa aportación...

-Fixérono as de Ourense e Pontevedra. Son decisións políticas. A min, de todas maneiras, paréceme que coa crise, que é o motivo que xustifica ese recorte da aportación, deberiamos ser aínda máis solidarios con quen o precisa. E o traballo que facemos aquí resulta case sempre moi positivo naqueles lugares aos que acudimos a prestar a nosa axuda.

lucía gonzÁlez álvarez técnica de termalismo de ourense