«O mar ten moita potencia; miras o horizonte e viaxas coa mente»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

FIRMAS

MONICA IRAGO

Hai cousas que enchen a alma, di Manolo, velaí algunhas delas

15 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

mi playa

«De rapaz non me saían escamas de milagre». Feita a confesión, toca recoñecer tamén que Manolo Paz non lle dedica tanto tempo á praia como hai anos, cando practicaba pesca submarina. Aquilo, rememora, era coma visitar outro planeta, sobrevoar unha paisaxe na que un non pasa de ser un simple invitado. «Sempre -engade- me gustou a zona da Lanzada pola súa potencia, o mar ten moita potencia, se cadra non nos damos conta, pero é o nivel máis grande que existe, miras o horizonte e viaxas coa mente, dáche un punto de equilibrio». De aí a idea de viaxar este día a un lugar dacabalo de Areas Gordas e A Lapa, onde as mans do escultor traballan nunha creación tan efémera coma a area que se perde entre os dedos. «Pozo sen fondo podería chamarse»...

Daquela, cando o mundo aínda era novo e grande de máis, os chapuzóns de Manolo Paz tiñan coma universo a desembocadura do Umia, en Cambados, de par da terra onde hoxe se ergue o seu taller e pronto terán a súa sede a fundación, xa constituída, e o seu propio museo. A potencia do espazo e da obra abondan para abraiar os ollos máis descridos. «Estou dedicando o verán precisamente a facer que sexa visitable e poder compartir este lugar, esta sorpresa, non ser egoístas, que non quede só para nós, ademais de dar dalgún xeito testemuña, coas obras, do que fomos e fixemos a xente da miña xeración».

Cando Manolo naceu, en 1957, o río era outra cousa. Unha xunqueira inmensa na que apañar sollas, camaróns, cangrexos. «Había vida, xogabamos ao fútbol, logo baixaba a marea e quedaban os regatos, coa auga que apozaba, máis quentiña, a babuxa chamabámoslle». A auga mudou, mudaron os abonos naturais por produtos sintéticos tan poderosos coma letais pata todo o que non teña que ver coas súas funcións fertilizantes. «Por non haber, nin caramuxos hai, cando antes estaban por todas partes». Non hai síntoma máis claro de que algo marcha mal.

As aldeas, que tamén estaban cheas de vida, ficaron coma esqueletes suspendidos no tempo aos que o paso dos anos e dos aconteceres lles fosen arrincando a carne aos poucos. A fundación, o museo, son tamén unha oportunidade para revitalizar aquel seu entorno.

A conversa e a viaxe proseguen. Á vista, a capela da Lanzada e o seu illote. «Cando a ves dende o mar decátaste de que a terra flota; Galicia é unha nube de pedra que flota, unha nube de granito que fai que o mar non nos coma». Por iso entende Manolo que este país está tan metido no océano. Por iso canteiros galegos novos seguen a traballar pedra tan sobranceira coma a da Sagrada Familia, en Barcelona. «Seguimos tendo prestixio, e iso enche a alma».

manolo paz escultor