Do Barraña Sporting fundado en 1922 á estrea do Deportivo Boiro en 1967
04 jul 2012 . Actualizado a las 17:09 h.
Coma un refacho de modernidade, o fútbol chegaba a Boiro principiando a segunda década do século XX. Facíao da man de varios mozos, de familias acomodadas case todos, que, despois de amañar un descampado a carón da praia de Barraña, creaban o Barraña Sporting Club co apoio do doutor Gómez Gorordo e Ramón Dios, secretario municipal. Gerardo Piñeiro, Luís Casáis, Jesús Xambella, os irmáns Fajardo, Julián Carreño, Ramón Sánchez, José Dieste ou Jesús Hermida serán parte esencial daquel club, que nacía en 1922, ás portas da ditadura de Primo de Rivera.
Aínda que a viaxe deste pioneiro club remataría en 1927, trala morte do seu presidente Domingo Alcalde, a semente quedaba botada, e naquel ano vían a luz El Pueblo Gallego FC e o Sansón. Abandeirados da Tenencia e Cimadevila, respectivamente, estes clubes escenificarán no terreo de xogo a rivalidade que daquela sostiñan ambos barrios. Exbarrañistas como Hermida, Dieste, Crusat, os Piñeiro ou os Carreño, aliñábanse en El Pueblo Gallego xunto a outros mozos do barrio. No Sansón cimadevilán, con campo en Espiñeira (Rego de Mil), facíano os irmáns López Romero, os Silva, Paquito Reino, Franco Cobas e varios rapaces da Boliña, Aducil e San. A súa rivalidade contribuiría a popularizar o fútbol en Boiro que, finando a década, chegaba ás parroquias de Bealo e Lampón.
Cos anos trinta, a controversia entre A Tenencia e Cimadevila dilúese, e os seus clubs fúndense no Sansón FC. Con moitos socios e xogadores de ambos equipos (Armental, Arturo Noal, José Ferreirós, Pepe do Lodeiro, Franco Cobas, Gonzalo e Bernardino López, etcétera) e algún de Lampón, este novo Sansón abandeirará o fútbol boirense nos tempos republicanos e, tras vencellarse á Juventud Católica, tamén a causa dereitista.