O artista mesturou no traballo a mitoloxía e as cores do viño branco
02 may 2012 . Actualizado a las 06:00 h.José Manuel Vidal Souto (Ourense, 1948) é o autor do cartel de este ano da Feira do Viño do Ribeiro. A súa pegada está presente nunha obra coa que se pretende publicitar unha das citas máis senlleiras da provincia que se celebra este mesmo fin de semana.
-¿Como xurde a participación co Concello de Ribadavia para a realización do cartel?
-Como todas estas cousas que de pronto te chaman e saen así. Non saíu de min. Chamáronme e pareceume unha idea boa. A min non me gustan os encargos. Pero gustoume o tema.
-¿Como foi o proceso de realización do seu traballo?
-Simplemente pintei varios elementos nel, porque un cartel é complicado de facer. Ten que ser simple e ao mesmo tempo ten que explicar, que representar. No da feira hai catro elementos: as uvas, un pé, unha muller representando a terra do Ribeiro e unha botella. Ten algo de mitolóxico. Falar do cartel é difícil. O mesmo cartel xa fala por si mesmo.
-¿Tiña xa algunha idea na cabeza sobre como podería ser o cartel?
-Ningunha. Iso aparece despois. Son cousas que xurden no momento e van saíndo. Non hai un plantexamento predeterminado. É a Feira do Viño do Ribeiro e punto.
-¿Que pode dicir das cores que utiliza?
-Son moi sinxelas. Un amarelo prateado que recorda ao viño branco do Ribeiro. Que é o que se exporta máis aínda que tamén temos uns viños tintos moi bos.
-¿Que relación ten coa feira?
-A verdade é que sempre estiven fóra cando se celebrou, cando chega a feira. Este ano ao cambiar as datas igual estou.
-¿É diferente facer un cartel que un cadro?
-Para min é mais difícil que facer un cadro. Pero un cartel non é un cadro. É moi difícil e canto máis sinxelo, máis difícil atopar a forza do cartel, do que ten que ser presentado. Indudablemente ten que impresionar á primeira vista. Pode haber artistas marabillosos pero que ao mellor fan un cartel e non vale.
-Deulle algunha pista o Concello ou traballou libre.
-Con liberdade absoluta.
-En que anda agora.
-Estou falando de min, dunha especie de figuración, abstracción, expresionismo. Sáeme un elemento que se repite pero estou en liberdade tamén. Total. Algún proxecto hai.
josé manuel vidal souto autor do deseño do anuncio da feira do viño do ribeiro