Prado publica a primeira versión en galego de «Trazo de xiz»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

FIRMAS

O álbum, que chega á quinta edición en castelán, leva material inédito

11 abr 2012 . Actualizado a las 07:03 h.

«É unha desas preguntas filosóficas que me teño feito: nin sei por que nin nunca o entendín». Con bo humor responde Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) á pregunta de por que o seu álbum máis emblemático, Trazo de tiza, publicado en 1993, non terá ata esta semana edición en galego, a lingua nai do historietista e a orixinal do seu traballo. Da man do selo compostelán El Patito Editorial está previsto que o venres chegue ás librerías Trazo de xiz, a versión galega do libro, cuxa publicación coincide coa quinta edición en castelán (Norma). Ambas as dúas inclúen cambios, como unha ilustración diferente na capa e a inclusión de material adicional inédito.

«Era en certo modo un contrasentido que estivese traducido a 14 ou 15 idiomas, pero que non se puidese ler na lingua nai do autor. Hai algún caso, como o finés, no que a poboación non é moito maior que a galega. Se poden en Finlandia, ¿por que non aquí?», reflexionaba onte Prado, antes de engadir que ata que El Patito pediu os dereitos para publicar a edición galega ningún editor se interesara por esa posibilidade.

Co traballo xa feito, Miguelanxo Prado congratúlase non só polo fito da versión galega, senón pola edición en si. Ademais de certos cambios como a capa ou unha lixeira modificación de tamaño, o debuxante está satisfeito polo «coidado» do álbum, en capa dura e cunha impresión en cor «que é a mellor das que se levan feito». Pero a principal novidade é a incorporación de material adicional que ofrece aos moitos seguidores de Prado unha maior e mellor comprensión da xénese de Trazo de xiz: storyboards, bosquexos, planos da illa e da taberna onde se desenvolve esta historia de corte náutico, ademais de esquemas dos barcos utilizados. «Son elementos que van dando unha idea de como se constrúe o universo no que medra a historia», resume Prado. «Creo que para o lector entusiasta é moi atraínte e dá unha idea intimista de como se xestou o álbum», engade.

«Patente de corso»

Trazo de tiza marcou un antes e un despois na traxectoria de Miguelanxo Prado, que o define como «unha patente de corso». Ata ese momento, gozara de liberdade creativa para concibir os seus libros, pero recoñece que desconcertaba aos seus editores cunha proposta diferente á anterior, o que xeraba «unha relación un pouco tensa. Ningún fora un fiasco, é verdade, pero se lles daban un premio a cousa era peor, porque eles agardaban máis do mesmo». Trazo de tiza foi o que os acabou de convencer de que Prado contaba cunha base estable de seguidores e que engaiolara á crítica: en 1994 gañou importantes premios no Festival de Angulema e no Salón de Barcelona; o álbum é o libro de banda deseñada español máis premiado.

Dende entón o seu magnetismo non perdeu forza. Correos dedicoulle no 2004 unha serie de selos e propiciou achegas académicas: Intertextualidad y metaficción en Trazo de tiza, por exemplo. Tamén se proxectou unha adaptación cinematográfica, pero polo de agora non semella factible ver a historia na gran pantalla. Entrementres, Prado ten en preparación Ardalén, unha longa historia, de máis de 180 páxinas.