Os achados paleontolóxicosde China

La Voz

FIRMAS

11 abr 2012 . Actualizado a las 12:52 h.

Hai quince anos, Xieng Xu levou unha gran decepción. Toda a súa vida soñara con ser físico, como Albert Einstein ou Niels Bohr. A pesar de provir dunha familia pobre dunha afastada provincia chinesa, o seu esforzo persoal permitiulle acceder a unha bolsa do Estado para estudar na capital. Pero ao chegar a Pequín as autoridades, que nisto tiñan a última palabra, decidiron que ía estudar para xeólogo. Nada que ver coa súa ilusión. Quen lle ía dicir entón que hoxe, quince anos despois de superar esa decepción e namorarse da súa inesperada carreira, coñeceríaselle como un dos máis grandes paleontólogos. ¡E grazas ás plumas!

Ata que Xieng Xu comezou a desenterrar e interpretar fósiles de dinosauros na provincia de Liaoning, no nordés do seu país, eran dous as teorías acerca da orixe das aves que enfrontaban as súas posturas ante a ciencia, ambas baseadas nos escasos restos de Archeopteryx existentes. A primeira defendía que as aves apareceron antes que os dinosauros, e que evolucionarían en paralelo a estes. A segunda, que son as descendentes dunha estirpe de dinosauros chamados terópodos.

A teoría que máis prendeu

Grazas aos achados de China, agora sabemos que esta última é a que conta con máis e máis probas ao seu favor. En Liaoning acháronse numerosas especies de dinosauros terópodos emplumados que inclúen desde exemplares, máis antigos, cunha especie de penuxe ata outros, máis recentes no tempo, xa dotados de grandes plumas. Agora o reto está en decidir cal destes exemplares é aínda un dinosauro, e cal xa unha ave, ou se falta aínda descubrir ese elo perdido. En todo caso, cada vez está máis claro que as aves son, dalgún xeito, dinosauros con plumas, pero dinosauros, do mesmo xeito que as maletas con rodas seguen sendo maletas.

Namentres, xa hai uns cantos paleontólogos esforzándose en aprender chinés.

- Busca en internet imaxes do «Archeopteryx», así como información acerca de Xieng Xu e os fósiles por el descubertos.

- Tamén acerca da primeira postura. ¿Por que cres que non se rexeitou do todo?