«A lexislación vainos facer tender cara a 'chinalización' do comercio»

La Voz

FIRMAS

19 feb 2012 . Actualizado a las 07:04 h.

Sindo Villamayor non pode ser máis pesimista co futuro do pequeno comercio.

-¿Que tal anda de saúde o sector?

-Sufrindo as embestidas da crise e medidas económicas coma a subida do IBI e do IVA. É cobrarnos a crise ós que non fomos artífices. A maiores están as dificultades para acceder a créditos. Os comercios pechan, despiden empregados e o consumo resíntese. É unha espiral.

-¿Como ve o futuro do pequeno comercio?

-Non confío na viabilidade do pequeno comercio. Tal e como están as cousas o comercio de proximidade e o pequeno non poden subsistir. As leis protéxeno cada vez menos fronte ás grandes superficies, que acabarán tendo liberdade de horarios total. A lexislación vai tender cara a «chinalización» do pequeno comercio. Os hábitos de consumo van por aí. Imos ter que apandar coa selva. A xente está educada polo cine e polos gurús do capitalismo para comprar na fin de semana, nas grandes áreas... Tom Cruise compra nas grandes áreas...

-¿O peixe grande vai comer ó pequeno?

-Tal e como comprendemos hoxe o pequeno comercio, coa conciencia e a profesionalidade actual, non é viable.

-¿E que se pode facer para contrarrestar esa tendencia?

-O sector fai o que pode, pero non se pode competir coas grandes superficies, non hai quen os pare. Se se remata a autovía a Santiago, pápannos en 15 segundos. Por este camiño imos á ruina. Eu non son subvencionista, pero poderíanse establecer incentivos fiscais para favorecer a asociación.

-¿En que axuda estar asociado?

- Non podemos andar desperdigados. Ten que haber organizacións profesionais do pequeno comercio moi fortes para poder presionar con máis contundencia. As axudas, a peatonalización... iso é todo pura cosmética.

-¿E que ofrece a Acoe?

-Garantías de defensa do pequeno comercio por riba de todo e garantías para aguantar a crise. Cada vez ofertamos máis servicios.