«Atopei en Brasil a un emigrante que me dixo que era vigués de Ponteareas»

La Voz

FIRMAS

31 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Cándido Pazó é un excelente conversador. Polo menos, un excelente narrador. Calquera situación é lle boa para non parar de parolar e contar, dun xeito simpático, as anécdotas que rodean a obra Memorias das memorias dun neno labrego.

«Fomos de xira por Bos Aires, Río de Janeiro e Suíza, e na cidade brasileira, atopei a un espectador que era un emigrante galego que me dixo que era de Vigo, e claro, como facemos todos os vigueses, eu pregunteille de ?Vigo, ¿de que parte??, e vai el e me di, ?de Vigo de Puenteareas?», explica Cándido Pazó, recordando que o alcalde é ponteareán.

Naquela xira, Cándido Pazó chegou a conclusión que a galega é a mellor terra do mundo. E é que no espectáculo, o actor pasa gran tempo no escenario descalzo sobre unha morea de terra. «A de Suíza ten tantas pedriñas que ao final a xente felicitoume polo xesto dramático que eu tiña, cando en realidade, era debido á dor; en Brasil, tiña moitos paus e eu movíame moito, mentres que a galega, que a compramos en viveiros, é suave», explica o actor vigués.

Horarios das representacións

Memorias das memorias dun neno labrego estará no auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia (entrada pola rúa Marqués de Valadares) os días 1,2 e 3 de febreiro, ás 20.30 horas, e o sábado 4 de febreiro, ás 19.00 horas.

As entradas xa están á venda, a través da páxina web servinova.com, a o prezo único de dez euros. A función do sábado terá carácter solidario porque Cándido Pazó cede os dereitos de autor correspondentes a Unicef.