As rías galegas constitúen un dos mais singulares ecosistemas medioambientais e humanos do mundo. Un tesouro que funciona como base das relacións sociais e económicas do noso litoral. Un motor económico que, a pesar da crise, continúa a funcionar a ralentí e ao que non deixan desenvolverse en todo o seu potencial.
Dentro da riqueza e diversidade existente, tanto na ría de Muros-Noia como na de Arousa, o marisqueo é unha das grandes oportunidades económicas que, ademais, pode funcionar como colchón que axude a paliar os duros golpes da crise. Hoxe é un luxo que os nosos areais continúen só ao 10% da súa capacidade produtiva de bivalvos, xa que nos tempos que corren non podemos permitirnos desaproveitar este potencial.
Desde Agamar témolo claro e apostamos desde sempre por uns plans de explotación que traballen nesta perspectiva, deseñados conxuntamente e sendo coherentes coa realidade e que aumenten a capacidade económica dos traballadores.
Por isto non nos sentimos satisfeitos coa proposta da Xunta e propomos unha ampliación dos permex, porque as necesidades do sector son moito máis amplas e porque queremos aproveitar ese enorme potencial humano e de recursos naturais. Fronte a este modelo produtivo que propomos encontrámonos cunha Consellería do Mar que traballa nunha liña acomodaticia que non nos ofrece solucións.
¿Onde están aqueles 20.000 novos postos de traballo prometidos ao inicio do seu mandato pola conselleira Quintana? ¿Por que non se toman as medidas oportunas e necesarias para mellorar na xestión e eficiencia do sector?
A nosa asociación ten claro que as políticas públicas deben centrarse na mellora da calidade, no aumento da produción e na aposta polo autóctono. Para camiñar nesta dirección temos iniciativas que non nos cansaremos de sinalar: é imprescindible que se establezan puntos de venda centralizados por comarca, a construción de criadeiros de ameixa autóctona para non termos que importar a semente, hai que reclamar na UE o recoñecemento do marisqueo como actividade profesional, así como o recoñecemento das especies de moluscos bivalvos que se producen en Galicia como especies de interese comercial para Europa que, a día de hoxe é incrible que isto non sexa xa así e que a conselleira non teña unha estratexia política definida para conseguilo. Así mesmo, hai que sanear as rías dunha vez. Mágoa que esta conselleira e este goberno non pareza que están por esta labor.