Europa á altura de Barbanza

Rafael García

FIRMAS

20 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde a Mancomunidade, a empresa e os traballadores estase funcionando moi ben no aspecto de acadar obxectivos de recuperación de material. Hai uns días La Voz de Galicia publicaba que en Galicia só se recuperaba o 10% do lixo, e que estabamos por debaixo da media europea, que é do 24%. Cabe dicir que nos estamos por riba do 30%, de feito temos no contrato coa concesionaria que se penalice baixar desa porcentaxe de recuperación de material.

A verdade é que a veces os veciños vemos aspectos negativos, como pode ser o estado dos colectores, e só nos quedamos con iso, pero se analizamos os datos debemos sentirnos orgullosos, xa que creamos un sistema que dá servizo a 85.000 habitantes, somos os líderes en Galicia na recuperación de materiais para reciclar, e líderes en toda España de recuperación de film por habitante. E todo iso cun sistema propio, con poucas axudas e creando máis de 150 postos de traballo. Superar a media europea en algo positivo como é a reciclaxe é desde logo algo que nos ten que facer sentir orgullosos.

Nós melloramos os datos de Sogama, cousa que é moi meritoria, xa que estamos competindo cunha empresa participada pola Xunta e Gas Natural con todos os seus recursos económicos. Aínda así, nós que somos minúsculos ao seu carón, temos moito mellores resultados que eles, cunha intensidade de creación de emprego moito maior e cuns datos de recuperación de materiais mellores. O propio plan da Xunta de Galicia recoñece que a nosa planta obtén mellores resultados que Sogama.

Desde a súa fundación a mancomunidade recuperou máis de 59 millóns de quilos para reciclar. Sen embargo, o noso principal problema hoxe é que parte do material non o paga Ecoembes, cando é a súa obrigación, e resulta inconcibible que se nos penalice por reciclar moito.