Mentres o novo proxecto da compañía decana do teatro galego dá os seus primeiros pasos, os actores están inmersos nestes días nos ensaios dun novo espectáculo que van poñer en escena nas parroquias do municipio no marco das actividades culturais programadas polo Concello de Rianxo. Trátase dunha pequena peza sobre Castelao.
Ao igual que se fixo co Apalpador durante o Nadal, a idea é que un contacontos explique aos cativos a vida de Castelao nun espectáculo no que tamén haberá representacións, tanto dun conto, como dunha pequena versión de Os vellos non deben de namorarse. Ademais, os actores darán vida a algunhas das viñetas máis coñecidas do creador de Cousas da vida.
Función itinerante
O que se propón é facer con este espectáculo o mesmo que se fixo co Apalpador, é dicir, que sexa itinerante, de maneira que se representará nas distintas parroquias do municipio.
Aínda están por confirmar tanto os horarios como as localizacións exactas das funcións, pero estas repartiranse en dúas xornadas. Se todo transcorre segundo o previsto, as representacións comezarán este mesmo sábado en tres parroquias rianxeiras, mentres que os actores de Airiños se trasladarán ás tres restantes o vindeiro 27 de xaneiro.
Esta actividade inclúese na programación organizada polo Concello de Rianxo no marco do mes dedicado a Castelao.