O noso tren de proximidade, prioritario

FIRMAS

09 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Do feito de que o ferrocarril de alta velocidade non pase polo aeroporto de Lavacolla arrepentirémonos toda a vida. Perdemos a oportunidade de promover o crecemento de un gran único aeroporto de Galicia e o verdadeiro beneficiario de esta mala planificación será o aeroporto Saa Carneiro, que recibirá na propia terminal aos pasaxeiros que dende A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo vaian no noso tren de alta velocidade, sen desprazamentos adicionais.

A planificación estratéxica non é unha moda, é unha ferramenta imprescindible de ordenación territorial, tanto no eido urbanístico como no eido social, no eido empresarial, etc..

Agora que imos ter cinco polígonos empresariais na bisbarra do Barbanza trala construción do macropolígono é o momento no que as autoridades, os empresarios e cidadáns deben promover a construción de unha liña de ferrocarril de proximidade que enlace os cinco polígonos industriais da comarca coa liña férrea de A Coruña a Vigo.

Pode parecer unha idea desatinada propoñer esta infraestrutura nestes tempos de aforro e de control, pero o seu custo equivale á construción da nova estación do AVE en Ourense do arquitecto británico sir Norman Foster, estación que non é imprescindible porque xa hai unha en pleno funcionamento.

No resto de Europa a planificación dos parques empresariais sempre vai ligada ás infraestruturas ferroviarias e ningún gobernante europeo permite a construción dun polígono industrial lonxe do ferrocarril, porque este transporte é o ideal para as mercadorías que se producen ou se almacenan nos parques empresariais. Na miña opinión, si que parece totalmente desatinada a idea de ter cinco polígonos industriais sen ferrocarril.

Por outra banda, a construción dunha liña de ferrocarril paralela á autovía, dende Xarás a Catoira ou a Padrón, sería unha oportunidade máis para o transporte dos cidadáns do Barbanza, de comunicación co resto da comunidade galega, un transporte máis barato e máis eficiente, unha forte aportación ao medio ambiente.

Son moitos os pais que deixan aos fillos universitarios na estación de Catoira, cada vez somos máis os que viaxamos a outras cidades galegas dende Catoira, pero sería fantástico poder coller o tren en Boiro, Rianxo, A Pobra ou Ribeira para desprazarse a outros lugares.

A taxa interna de retorno, termo técnico pouco coñecido, faría que o ferrocarril do Barbanza resultase moi rendible a medio prazo.