A Matanza recupera os Cabezudos

amelia ferreiroa

VILARMAIOR

cedida

14 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O concelleiro delegado de Obras do Rural e de Festas José Cuñarro Torres mantivo o pasado venres un segundo encontro cos veciños de Botos en aras de seguir concretando aspectos organizativos da Matanza Tradicional do Porco, que terá lugar o vindeiro 2 de febreiro, e que se celebrará na casa dos Picheles de Vilarmaior.

Unha xuntanza que contou cunha excelente acollida por parte da veciñanza, según o concelleiro, o que facilitará o desenvolvemento das tarefas ao contar cun alto número de persoas implicadas. Na reunión xa se asignaron as tarefas que se farán por grupos veciñais: haberá un encargado dos labores propios da mata, outro do lavado de tripas e da elaboración dos chourizos, outro farase cargo da parta e da salgadura e un último que estará a cargo da repostería. A Matanza terá tamén unha zona expositiva na que se poderán ollar máquinas antigas de coser, o proceso do fiado do liño e mesmo se «está estudando a posibilidade de recuperar tres ou catro pezas dos Cabezudos de Botos, que ían nos desfiles das festas», significou Cuñarro.

A degustación de produtos, posterior á matanza, levarase a cabo nunha carpa que se habilitará no campo da festa, que contará cun amplo aparcamento. O uso de vestimentas tradicionais por parte dos implicados en toda a actividade será outro dos aspectos desta xornada que terá como especial protagonista ao porco, animal duns 180 quilos que xa se vén de mercar nunha casa de Bendoiro.