O segredo do caldo do Porto do Cabo, que facía revivir aos romeiros que ían a San Andrés: «Hai que poñerlle cariño»
VALDOVIÑO
As caldupeiras levaron esta tradición ao Museo do Pobo Galego, este martes, na presentación do Festival Atlántico
01 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Unha cousa é o caldo galego, que cadaquén cociña como aprendeu de nais e avoas, e outra o caldo que elaboran as caldupeiras do Porto do Cabo. Eva Fernández Fonticoba, Ángeles Rey Margarita, Pilar Carpente Filgueiras, Nuria Pita Lage e Antonia Martínez Díaz continúan co legado centenario das mulleres desta aldea que pertence a tres concellos: Valdoviño, Cedeira e Cerdido. Andan entre os 50 e tantos e os 60 e pico, e retomaron hai uns anos, cando se creou a asociación de veciños, a tradición de facer o caldo para alimentar aos romeiros que ían rumbo a San Andrés de Teixido, neste cruce de camiños con destino ao santuario.
«As caldupeiras eran mulleres que lles vendían cuncas de caldo aos romeiros, aquí era onde facían a última noite antes de chegar a San Andrés. O Camiño serviu de motor económico porque pasaba moita xente, sobre todo en setembro, xa que o día 8 é a festa de San Andrés e tamén aquí facían a Festa dos Romeiros (da Virxe da Cucaina). As mulleres, que sempre temos que aguzar o enxeño para sacar adiante ás familias, obtiñan un rendemento coa venda de caldo, froita, bolas de azucre, café, empanada...», relata Antonia, que fala por boca de Matilde Bereijo, que era a veciña máis vella do lugar cando ela recalou no Porto do Cabo.
«Xa hai que morreu, fora falar con ela e contáramo», explica. A Eva tamén lle transmitiu súa avoa os recordos de cando era nena e pasaban os camiñantes, e a maneira de cociñar este prato: «Dicía que o caldo era a raíz do corpo [...] e que esmagaban o unto nunha tixela, cando estaba xa cocido, para aproveitar a graxa e volver botala ao caldo». Onte pelou e cortou os case quince quilos de patacas que empregaron para preparar unha enorme pota de caldo de grelos, un manxar que degustaron no Museo do Pobo Galego os asistentes á presentación do Festival Atlántico, co que xa colaboraron o ano pasado nun acto en San Andrés.
A fórmula do caldo do Porto do Cabo? «Unto, imprescindible, canto máis natural mellor, patacas, fabas, verdura e carne de porco salgada...», enumeran. Pero, e o segredo? «Será a auga... e poñerlle cariño», apunta Eva.