Festa de topónimos, de Ares a Valdoviño

A. CUBA / M. MÉNDEZ FERROL / LA VOZ

VALDOVIÑO

O termo Ortigueira é un fitotopónimo, pola alusión ás ortigas
O termo Ortigueira é un fitotopónimo, pola alusión ás ortigas ANGEL MANSO

O académico da RAG Gonzalo Navaza explica a orixe dos nomes dos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nomes dos concellos da provincia da Coruña é a última publicación de Gonzalo Navaza, académico correspondente da Real Academia Galega (RAG), dispoñible en formato en liña. Ofrece un breve comentario histórico e etimolóxico dos nomes dos 93 concellos, entre eles os de Ferrolterra, Eume e Ortegal, cos rexistros documentais máis antigos que se coñecen, na maioría dos casos tomados de textos medievais en latín ou en galego.

Ares. «O termo municipal naceu en 1836 [...], recibe o nome do da vila e parroquia de Ares, unha das dez vilas da antiga provincia de Betanzos [...]. Na documentación medieval, as referencias máis antigas falan da parroquia Lubre, que hoxe é un dos núcleos de poboación [...]. Desde o século XII hai referencias a unha parroquia chamada Ares [...]. O topónimo ten orixe prerromana».

Cabanas. «O termo municipal, creado a raíz do Real Decreto [RD] de 23-07-1835, acolleu parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Caaveiro e Pontedeume, e ao couto de Regoela, da provincia de Betanzos [...]. Hai referencias do topónimo desde mediados do século XII [...], contén o plural do substantivo común cabana [...], en Galicia cóntanse máis de 150 localidades con ese nome».

A Capela. «O concello constituíuse a raíz do RD de 23-07-1835 no territorio da antiga xurisdición e couto de Caaveiro, da provincia de Betanzos [...], incorporou parte do territorio do concello de Cabanas e cedeulle parte ao das Pontes [...]. O substantivo común capela é en orixe un diminutivo de capa, peza de roupa, pola capa que San Martiño de Tours lle ofreceu a un pobre».

Cariño. «Cando se constituíron os municipios, co RD de 23-07-1835, as parroquias do actual concello de Cariño, que no Antigo Réxime formaban parte da xurisdición de Santa Marta de Ortigueira, encadráronse no termo municipal de Santo Adrao da Veiga, que non chegou aos 20 anos de existencia e fusionouse co de Ortigueira na década de 1850. No 1988 produciuse a segregación e constituíuse o novo concello de Cariño [...]. O rexistro máis antigo deste topónimo é de comezos do século XI, na documentación do mosteiro de Xuvia».

Cedeira. «O concello constituíuse en 1836 cunha parte das parroquias con que contaba no Antigo Réxime a súa xurisdición, pertencente á provincia de Betanzos [...]. Os rexistros escritos do topónimo remontan ao século IX. Os máis antigos non se refiren á vila de Cedeira senón ao territorio do mesmo nome, que incluía parte dos concellos de Moeche, San Sadurniño e Valdoviño [...]. Vén do latín cetaria, derivada de cetus, gran peixe, cetáceo».

Cerdido. «O termo municipal creouse en 1836 a partir das xurisdicións de Cerdido e Os Casás, pertencentes no Antigo Réxime á provincia de Betanzos [...]. Coñécense rexistros do topónimo desde o século XII [...], é un fitotopónimo, que fai referencia á vexetación, derivado de quercus, carballo, ou de ceresetu, relativo a cerdeiras e non a carballos».

Fene. «Creado en 1836, constituírono oito parroquias que pertenceran á xurisdición de Pontedeume, provincia de Betanzos. Tomou o nome do lugar e parroquia que acolleu a casa consistorial. A antiga parroquia de Belelle quedou integrada na de Sillobre, a de San Valentín creouse en 1976 [...]. Fene é un topónimo único, sen paralelos en Galicia nin noutras áreas peninsulares».

Ferrol. «O concello, creado polo RD de 1835, xa tiña precedente municipal na época medieval e era continuador da antiga xurisdición de Ferrol e A Graña, pertencentes á provincia de Betanzos e á diócese de Mondoñedo [...]. No século XI xa se rexistra o topónimo coa forma actual [...]. É o resultado do xenitivo Ferreoli dun nome persoal de posesor Ferreolus, un antropónimo de orixe latina que en Galicia tivo uso polo menos ata o século X».

Mañón. «O concello creouse en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ao couto real de Maañón, da provincia de Betanzos, e á xurisdición de Bares e Mogor, da de Mondoñedo. A denominación oficial foi Maañón ata o nomenclátor de 1877, pasando a Mañón [...]. É topónimo de orixe descoñecida, quizais prerromana, sen descartar que teña orixe nun nome persoal altomedieval como Melanione».

Moeche. «A raíz do RD de 23-07-1835, o termo municipal de Moeche creouse en 1836 con parroquias pertencentes no Antigo Réxime ás xurisdicións de Moeche e Cedeira, da provincia de Betanzos [...]. O topónimo contén o resultado do latín modesti, xenitivo do nome persoal de orixe latina Modestus, e faría referencia a un posesor ou señor local chamado Modesto. Os rexistros medievais confirman esa etimoloxía».

Monfero. «O termo municipal creouse en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Caaveiro e Monfero, da provincia de Betanzos [...]. Hai rexistros medievais do topónimo desde o século XII [...]. Monfero é un composto do substantivo monte e o adxectivo fero, que seguramente tivo o significado orixinario de bravo, aplicado a un territorio pouco intervido pola man humana».

O topónimo Mugardos ten unha orixe descoñecida
O topónimo Mugardos ten unha orixe descoñecida ANGEL MANSO

Mugardos. «O termo municipal creouse en 1836 co territorio do que fora o couto de Mugardos, xunto con tres parroquias da xurisdición de Pontedeume. Coma o resto do territorio da península de Bezoucos, no Antigo Réxime pertencía no civil á provincia de Betanzos e no eclesiástico á diócese de Mondoñedo [...]. É un topónimo de orixe e significado descoñecidos, con diferentes hipóteses etimolóxicas».

Narón. «O concello creouse a raíz do RD de 1835 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Pedroso, Trasancos, Narón, Sedes e O Val, provincia de Betanzos e diócese de Mondoñedo. Disponse de abundantes rexistros do topónimo desde o século XI [...]. A hipótese etimolóxica con maior aceptación considérao de orixe prerromana e significado hidronímico [...]. Sería un derivado dunha raíz Nar- ou nara, auga, río [...]. Puido ser en tempos remotos o nome orixinario do hoxe coñecido como río Salgueiro».

Neda. «Constituíuse a raíz do RD de 1835 coas parroquias das antigas xurisdicións de Anta e Viladonelle, e máis de Neda (Santa María e San Nicolás), provincia de Betanzos e diócese de Mondoñedo [...]. O nome rexístrase desde o século X [...], nos rexistros máis antigos aparece aplicado a un curso fluvial, o que fai probable un significado hidronímico».

Ortigueira. «O concello, creado a partir do RD de 1835, denominouse nun principio Santa Marta de Ortigueira, mantendo o nome da xurisdición e o da vila, que xa contaba con tradición municipal desde a Idade Media [...]. Das parroquias que formaban a xurisdición, a metade pasou a integrar o novo concello de Santa Marta de Ortigueira, o resto constituíu os concellos de Couzadoiro, Santo Adrao da Veiga e Os Freires. Antes de dúas décadas produciuse a fusión dos catro concellos para crear o de Ortigueira [...]. O nome, coma o da comarca, Ortegal, é un fitotopónimo, contén un derivado de ortiga, polo que corresponde a un étimo latino urticaria e designaría en orixe o lugar onde abundaba a planta».

A ponte que atravesa o río Eume dá nome al municipio de Pontedeume
A ponte que atravesa o río Eume dá nome al municipio de Pontedeume CESAR TOIMIL

Pontedeume. «No Antigo Réxime era unha das dez vilas da provincia de Betanzos e xa tiña longa tradición municipal desde a Idade Media cando se creou o actual concello, no ano 1836 [...]. No último terzo do século XIX, o veciño concello de Vilarmaior estivo agregado ao de Pontedeume, antes de segregarse de novo. A vila recibiu carta foral do rei Afonso X no ano 1270 [...]. O nome vén motivado pola célebre ponte sobre o Eume. O nome deste río, coma de case todos, ten orixe milenaria, prerromana».

As Pontes. «O termo municipal, creado en 1836, constituíano parroquias que no Antigo Réxime pertenceran á xurisdición da propia vila das Pontes, que xa contaba con tradición municipal desde a Idade Media [...], o nome medieval da vila era As Pontes de Eume [...]. No ano 1376 recibiu do rei o señorío da vila o cabaleiro García Rodríguez de Valcarce, e del procede a segunda parte actual do topónimo, que se documenta desde o século XV».

San Sadurniño. «O termo municipal creouse agrupando parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de San Sadurniño (San Sadurniño e Santa Mariña do Monte) e Naraío (Naraío, Ferreira, Igrexafeita e Lamas), e a parroquia de Bardaos, que pertencera á xurisdición de Cedeira, todas na antiga provincia de Betanzos [...]. Hai rexistros escritos da parroquia de San Sadurniño desde o século IX [...]. É o resultado do nome latino Saturninos, derivado do teónimo Saturnus. O culto do santo cristián dese nome estendeuse desde o sur de Francia na Alta Idade Media, e volveu coñecer nova difusión séculos máis tarde a través do camiño de Santiago».

As Somozas. «O concello creado a raíz do RD de 1835 estaba constituído polas freguesías de Santiago Seré das Somozas e Recemel, que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións das Somozas e Meroi e de Naraío, da provincia de Betanzos; no eclesiástico, á diócese de Mondoñedo [...]. Designaba un territorio que superaba os límites do termo municipal actual [...]. Desde a Idade Media aparece denominada como Santiago de Seré ou Santiago (de) Seré das Somozas».

Valdoviño. «O concello creouse en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Trasancos e Cedeira [...]. Na época medieval o nome da parroquia de Valdoviño era Santalla de Aviño [...]. A hipótese etimolóxica máis aceptaba considera que Valdoviño é Val+de+Aviño. Obxectóuselle que nin a orografía permite falar dun val nin hai un río Aviño que xustifique o nome [...]. No Catastro da Ensenada (1752) consta indistintamente con B- e con V-; no censo de 1842 figurou Baldoviño».