Cousas

Xan R. Silvar EN POSITIVO

VALDOVIÑO

03 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Precísase menos da vida dunha persoa para lembrar tempos nos que se vivía con pouco. A familia media tiña recursos para cubrir escasamente as necesidades vitais, como unha vivenda de aluguer ou en modesta propiedade, comer -quen podía de «economato», da Bazán ou da Armada- e vestir roupa feita pola nai ou algunhas modistas coa Singer na cabeza. As vacacións, se as había, eran «fóra de portas» ou nalgunha aldea de Valdoviño ou Prior, onde chegaban autobuses heroicos coma os da liña Ramón y Suárez, que se atrevían coas costas da Bailadora. Eran os paraísos exóticos, onde transcorrían os longos veráns da rapazada de Ferrol, os veraneantes, que xogabamos cos locais nun mundo de piñeiros, campos salitrosos e praias bravas, que nos axudaron a medrar sans e postos nunha economía espartana, onde unha botella de vidro abeirada na praia levábase á casa coma ben prezado. O certo é que simplemente non «había cousas», e as que chegaban facíano en barcos en zonas portuarias, ou traídas por traballadores e emigrantes no estranxeiro. O primeiro sinxelo dos Beatles (A Hard Day’s Night) vinllo en 1964 no Cantón a un compañeiro de instituto, traído por un mariño mercante tío seu. A portada en azuis era unha ventá a un mundo que existía alén daquel país noso, igualitario en aparencia, e escaso en todo. Esa austeridade do tardo franquismo deunos uns veráns felices e interminables, con ben poucas cousas materiais. A chegada das bicicletas (sen cambio, claro) e, máis tarde, dos primeiros vespinos, ían marcando lentos cambios nunha sociedade vida da posguerra. Ben diferente desta época, de moita cousa e pouco acougo para gozar, que viven os nosos netos. Tócanos facer de balance.