Valdoviño, un dos grandes territorios de infancia de María Victoria Moreno

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

VALDOVIÑO

cesar toimil

A escritora á que se lle rende tributo con motivo do Día das Letras tivo nas terras valdoviñesas o seu primeiro contacto con Galicia

17 may 2018 . Actualizado a las 00:57 h.

Valdoviño vive hoxe dun xeito «moi especial» -en palabras do seu propio alcalde, Alberto González- o Día das Letras. Porque foi precisamente alí onde María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano pola Real Academia Galega, tomou contacto coa realidade e coa a lingua do país. Natural de Valencia de Alcántara, na provincia de Cáceres, onde nacera en 1939, a autora de Anagnórise tivo o seu primeiro contacto con Galicia en 1947, cando veu pasar uns meses na casa do seu tío José Eugenio, que daquela ostentaba en Valdoviño o cargo de secretario municipal.

«Cando nos comentou esta circunstancia a tamén escritora Rosa Aneiros -explica Alberto González-, para nós foi unha alegría. E o que queremos facer agora, arredor deste feito, non é só celebrar que Valdoviño fose para María Victoria Moreno unha especie de porta das Letras, senón contribuír, de cara ao futuro, e en todo canto estea na nosa man, a manter viva a súa memoria». A primeira iniciativa que vai tomar, a este respecto, o Concello de Valdoviño, vai ser «identificar os lugares do municipio que estiveron máis directamente vencellados a María Victoria Moreno. Ante todo, por suposto, a casa na que viviu aquí. Pero tamén outros enclaves, como A Frouxeira, que para ela foi moi importante».

 

Unha ponte de palabras

Dase a circunstancia, ademais -e así o recorda o alcalde de Valdoviño, tamén-, de que precisamente A Frouxeira é unha ponte de palabras que une a María Victoria Moreno, a través dos séculos, co poeta Fernando Esquío, para o que tamén se está a pedir un Día das Letras Galegas. E que incluso o topónimo Valdoviño une ademais á escritora á que se lle rende tributo este ano con autores galegos en lingua castelá como Gonzalo Torrente Ballester, a través da súa Crónica del Rey Pasmado. «Valdoviño ten, por dereito propio, un lugar de seu na historia da literatura -di o alcalde-, e ese é un patrimonio que imos poñer en valor».