Ramsar

Xan R. Silvar EN POSITIVO

VALDOVIÑO

02 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A auga é unha substancia marabillosa. Os escolantes deprenden que dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno forman unha das máis fascinantes moléculas que coñecemos: non so está formando a maior parte da superficie do planeta como auga de ríos e mares, tamén ocupa como gas invisible o aire que nos rodea, ou facéndose ver nas gotas de néboas; ademais forma parte de máis do 70 % da composición dos seres vivos. Somos de auga e non vivimos sen auga. Pese a iso non lle damos o valor que ten, nin o prezo que por ela pagamos -nos poucos países que a subministran- reflicte o custo real de ter auga de boca fiable na casa. Diso estaban convencidos os primeiros países que asinaron, tal día como hoxe de 1971, a «Convención relativa ás Zonas Húmidas de importancia internacional especialmente como hábitat de aves acuáticas». Nese longo título non se evidencia a preocupación pola necesidade de auga para todos os habitantes do planeta, onde «todos» inclúe ao conxunto dos seres vivos, dende o plancto aos humanos que dependen da auga. O por que da mención ás aves acuáticas obedece ao non entender estas de fronteiras, e precisar nas súas migracións de zonas húmidas de distantes países. Mais os criterios para designar «Zonas Ramsar» baséanse en criterios ecolóxicos, botánicos, zoolóxicos, limnolóxicos ou hidrolóxicos, poñendo en primeiro lugar os lugares que teñan importancia para as aves acuáticas en calquera estación do ano. En Galicia as temos en Ribadeo, Ortigueira, A Frouxeira (Valdoviño), Corrubedo (Ribeira) e Umia-Grove (O Grove). Son alfaias ambientais, coma aneis ornando cinco imaxinarios dedos da man galega. Xoias para valorar a sorte de telas, tamén para coidar de non perdelas.