Os produtores agroalimentarios e os artesáns xa se poden anotar na Feira Rural de San Sadurniño

LA VOZ SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

<span lang= gl >Varios postos da Feira Rural de San Sadurniño, na finca da Cortiña, nunha edición anterior</span>
Varios postos da Feira Rural de San Sadurniño, na finca da Cortiña, nunha edición anterior CESAR TOIMIL

A cita será o último sábado de agosto, con concurso de froita autóctona e moitas actividades paralelas

19 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa está aberto o prazo para inscribirse na Feira Rural de San Sadurniño, que volverá encher a finca da Cortiña o último sábado de agosto. Os produtores agroalimentarios e os artesáns poden pedir sitio a través do rexistro municipal (só persoas físicas) ou da sede electrónica (obrigatoria no caso das persoas xurídicas). Para obter información sobre a feira teñen que escribir ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar ao 616 332 919, polas mañás de luns a venres.

O Concello, organizador deste mercado, que inclúe un concurso de froita autóctona e numerosas actividades paralelas, indica que a superficie máxima que poden solicitar os expositores é de dez metros lineais por cinco de fondo, e as cotas son de dez euros ata catro metros de frontal e 25 se van ocupar entre cinco e dez metros de tope. Para as entidades sen fins de lucro, a participación é gratuíta, aínda que tamén o deben pedir, «sempre que non monten postos de máis de cinco metros de frontal por cinco de fondo».

Os postos de alimentación, os de artesanía e os viveiros que participen na feira poden solicitar unha carpa, que terá un coste de 100 euros ou de 150, segundo o tamaño que precise cada un.