A artista Laura Bouza López é a autora da obra que xa transformou o acceso principal do pavillón polideportivo
29 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O mural do acceso principal do pavillón polideportivo municipal de San Sadurniño xa quedou listo. a artista Laura Bouza López, fundadora do laboratorio creativo Laudas Calamity, rematou a obra que, como subliñan desde o Concello, «converteu este espazo nun símbolo visible da diversidade, da igualdade e da liberdade, a través dunha reinterpretación contemporánea de iconas da Grecia Clásica». O mural, que tardou unha semana en pintar, «combina referencias á arte clásica cunha linguaxe visual plenamente contemporánea». Segundo explica a autora, ao tratarse dunha parede tan visible, xusto á entrada das instalacións deportivas, optou por «volver á orixe das cousas».
A Niké de Samotracia, escultura que simboliza a vitoria e que reinterpreta cunhas ás «moito máis grandes e cheas de cores» é o elemento que manda na composición, que incorpora a bandeira do Orgullo LGTBIQ+. Coa elección da Vitoria de Samotracia pretende representar «o triunfo da igualdade, dos corpos libres», transformado esta figura clásica «nunha metáfora da conquista dos dereitos e da diversidade». Xunto a ela aparece o Discóbolo, «outra das esculturas máis recoñecidas da antigüidade, acompañado por elipses e circunferencias nas mesmas tonalidades da bandeira do arco da vella».
O Concello subliña o reto técnico que supuxo esta creación, executada «sobre unha parede de bloques, cunha superficie moi irregular». «Había outras localizacións, pero esta ten a dificultade de que é bloque e é un desafío completo e absoluto», segundo comentou a artista, «acostumada a traballar con rapidez sobre lenzos máis puídos e previamente preparados».