Polas corredoiras máxicas de San Sadurniño: veciños recuperan os camiños antigos por amor á bicicleta e aos paseos

Patricia Hermida Torrente
P. Hermida SAN SADURNIÑO / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

Veciños de San Sadurniño recuperan os camiños tradicionais para os amantes das bicis
Veciños de San Sadurniño recuperan os camiños tradicionais para os amantes das bicis Biela e Chaveta

Este domingo celébrase un evento de natureza e deporte polas rutas tradicionais, con andainas, trails e percorridos ciclistas; coa organización de Biela e Chaveta co Concello

10 jun 2026 . Actualizado a las 20:31 h.

Pola maxia das fragas de San Sadurniño viaxan os seus camiñantes e ciclistas. E unha gran combinación de historia, deporte e natureza ten o proxecto que impulsan Biela e Chaveta co Concello. Os veciños que integran este colectivo limparon e recuperaron os camiños máis antigos por amor á bicicleta e aos paseos. E o resultado comprobarase no evento deste domingo chamado Entre Corredoiras, Toxos e Xestas. Haberá natureza e deporte, con andainas e tamén percorridos ciclistas.  

 As actividades serán tres e non serán competitivas: a quinta BTT Concello de San Sadurniño (coa colaboración tamén dos concellos de Moeche e As Somozas), o terceiro Trail de Montaña Concello de San Sadurniño e unha andaina divulgativa polo territorio. Como indican desde a asociación Biela e Chaveta, «durante semanas os integrantes revisan, limpan e recuperan camiños, corredoiras e sendeiros tradicionais para que poidan ser utilizados con seguridade polos participantes e despois por veciños, sendeiristas, ciclistas e visitantes».

 A cita pretende coidar o territorio. «Para nós a bicicleta e o deporte ao aire libre son unha forma de coñecer mellor o lugar no que vivimos, cada ruta que organizamos é tamén unha oportunidade para recuperar camiños, abrir pasos que estaban esquecidos e contribuír a que estes espazos volvan ter uso”, sinalan desde Biela e Chaveta. A BTT sairá da Finca A Cortiña ás 08.30 horas con tres percorridos adaptados, con pistas forestais, camiños tradicionais e sendeiros da contorna, para gozar da bicicleta de montaña, da paisaxe e do patrimonio local. O trail sairá ás 09.00 para maiores de 15 anos e permitirá descubrir a pé diferentes camiños e espazos naturais de San Sadurniño e Naraío. E a andaina é de 12 quilómetros desde as 09.15 horas con saída de Igrexafeita para maiores de dez anos e carácter familiar coñecendo paisaxe, xeoloxía, historia medieval e lendas populares. A actividade contará coa guía de Fran Canosa, doutor en Xeoloxía e director científico do Cabo Ortegal Xeoparque Mundial da UNESCO.

Con esta actividade, Biela e Chaveta quere reforzar o seu papel como «entidade dinamizadora do deporte local e como colectivo comprometido coa recuperación e conservación dos vellos camiños tradicionais». Estes pasos formaban parte da rede de comunicación entre lugares e parroquias, e a súa recuperación «contribúe a manter viva a memoria do territorio, facilitando novos usos vinculados ao deporte, ao lecer saudable e ao contacto coa natureza». As inscripcións pechan este mércores ás 22.00 na web www.bielaechavela.gal.