San Sadurniño, no segundo Encontro Internacional de Mulleres Electas, en Cabo Verde
SAN SADURNIÑO
A concelleira Mari Carme Muíño representará ao Concello na cita dos días 12 e 13 de marzo
11 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A concelleira Mari Carme Muíño Filgueira representará ao Concello de San Sadurniño no segundo Encontro Internacional de Mulleres Electas As Elixidas, que reunirá a máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia os días 12 e 13, na cidade caboverdiana de Praia. Este encontro, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, conta con financiamento da Xunta de Galicia e tamén da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo. Desde o Fondo destacan que «a incorporación das mulleres á política local é clave para promover a igualdade de xénero de xeito tanto específico como transversal».
«Os datos revelan un baixo grao de representación feminina en todos os ámbitos de decisión, tamén no eido municipal. Cómpre, por tanto, contribuír ao cumprimento da meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que chama a asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública», subliñan desde o Fondo.
A delegación de municipios galegos intégrana as alcaldesas de Cangas, Muros, Oímbra, Ponteareas, Salceda de Caselas e Burela, ademais de concelleiras de Ames, Arteixo, Burela, Malpica de Bergantiños, Nigrán, San Sadurniño e Santiago de Compostela. Haberá mesas de debate como temáticas como as boas prácticas municipais con enfoque de xénero, con experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia.