San Sadurniño vístese de gala para a estrea das vinte curtas do Chanfaina Lab
SAN SADURNIÑO
O evento terá lugar este sábado, a partir das cinco e media da tarde, na Casa da Cultura
05 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.San Sadurniño estenderá a alfombra vermella para a gala de estrea das vinte curtametraxes da décima edición do Chanfaina Lab. Será este sábado, na Casa da Cultura, nunha sesión continua de cine. A actriz Isabel Blanco e o actor Kevin Lorenzo conducirán o evento, que comezará coa presentación de cada peza por parte dos autores e a entrega das Lolas Chanfaineiras, o agasallo con selo local que recibirá cada participante. O acto iniciarase ás 17.30 horas, coa benvida e a entrega do segundo Premio Bernardino Lamas, «instituído para recoñecer o labor de persoas vivas que teñan demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual non profesional». O galardoado é o realizador José Roberto Fernández López.
As proxeccións comezarán ás 18.30 horas, cos seguintes títulos: Guión Curta, de Bieito Beceiro; Consulta aberta, de Kevin Lorenzo; Rachar en dous, de Area Erina; Cando a historia cobra vida, de Milagros Bará; Gripe aviar, do grupo Teño unha horta; Cóntame a túa historia, de Carlos Amil; A gran porta de Kiev, de Brandán Cerviño; O ourizo, de Abel Vega; Vacas nocturnas no Forgoselo, de Gala Rodríguez e Rocío Campoy; e Onde Cristo falou con Rosa, de Pablo Fontenla.
Logo haberá un descanso e ás 19.45 retomaranse os pases con Só a través doutros, de Gon Caride; Un segundo, de Ángela Arnosa; Alicia no país do esquecemento, de Irene Pin; A derradeira, de A Rigueira; A pena do trabuco, de Cruz Piñón; Saudade: unha metáfora/descrición da viudez, de Anxo Pena; Mariela, de The Sungirls; O refuxio, de Fran da Lobeira; Unha persoa, un obxecto, de Iago Lourido; e Racamonde, de NaraíoMedia.