San Sadurniño consegue 5.372 euros para a posta en marcha dunha comunidade enerxética

LA VOZ SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

O consultor enerxético Xosé Manuel Golpe e o alcalde de San Sadurniño (dereita), en maio
O consultor enerxético Xosé Manuel Golpe e o alcalde de San Sadurniño (dereita), en maio CÉSAR GALDO

O Concello obtivo esta axuda a través de Seitura 22

20 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

San Sadurniño dá novos pasos cara á creación dunha comunidade enerxética. O Concello acaba de recibir unha axuda de 5.372 euros para financiar os estudos preliminares e o asesoramento para a posta en marcha. O grupo de desenvolvemento local Seitura 22 outorgoulle esta achega, con fondos europeos Leader, canalizados a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). O investimento total nos traballos técnicos, as accións formativas e o acompañamento ás persoas interesadas é de 7.200 euros.

«Trátase dun paso clave para darlle continuidade ao interese veciñal expresado en maio, nunha charla organizada polo Concello para informar das vantaxes e fórmulas organizativas deste modelo de produción enerxética colectiva», destacan fontes municipais. O alcalde, Secundino García, xa sinalara daquela o interese do executivo local de «implicarse activamente neste modelo alternativo».

A factura da luz

As comunidades enerxéticas «permiten producir e consumir enerxía de maneira compartida, reducindo a dependencia das grandes eléctricas, a pegada de carbono e a factura da luz», subliñan desde o Concello. Coa axuda de Seitura 22, poderán informar á veciñanza, «analizar posibles emprazamentos para instalacións fotovoltaicas» e definir a fórmula xurídica axeitada.