
Uns trinta realizadores gravarán as súas pezas no municipio esta fin de semana
31 ago 2023 . Actualizado a las 04:14 h.Co oitavo Chanfaina Lab volve aterrar en San Sadurniño o audiovisual galego. Medio cento de persoas conforman os equipos de gravación dos máis de trinta realizadores que participan nesta edición, entre profesionais experimentados e afeccionados, algún xa veterano deste encontro. Durante esta fin de semana, rodarán por todo o municipio os locais Ángela Arnosa, Bieito Beceiro, Soraya Yáñez, Fran Bermúdez, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Catalina Rodríguez, Abel Vega, o tándem formado por Víctor Rico e Xosé Manuel Rabón e os grupos NaraíoMedia, Sansadurnenas, The Sun Girls e Teño unha horta.
E con cineastas con proxección como Juan Galiñanes, Félix Brisel, Ignacio Vilar, Tono Mejuto, Manolo Gómez, Francisco J. Cela, Candela Conde, Nela Fraga, Diana Gonçalves, Mirian Opazo, Adriana Páramo, Xoán R. Caridad, Miguel A. Romero, Cristina Souto, Aroa Calvo e os colectivos Memoria e cinema e Meu.
A cita comezará este venres, ás 20.00 horas, na Eira de Cineastas, onde os participantes presentarán o seu traballo «e as intencións narrativas coas que se achegarán á realidade local», como explican desde o Concello. A primeira hora da tarde do día 1, Francisco Canosa guiará a xeorruta das Pías para dar a benvida aos creadores. Para o sábado, cando os equipos empezarán a traballar, haberá actividades para o público xeral, co espectáculo infantil Cinema de historias da man de Alice Guy (12.00 horas), no auditorio, onde tamén se proxectarán, ás 20.00, os Clásicos Chanfaina Lab. A natureza salvaxe de San Sadurniño, un repaso por títulos de anteriores edicións gravados no Forgoselo.
O domingo, o protagonista será o fotógrafo e documentalista José Gil, pioneiro do cinema galego, cunha exposición baseada nos estudos do profesor Manolo González e visitas guiadas de 10.00 a 12.00; e un concerto no adro do convento do Rosario (13.00), coa Xove Banda de Música de Sementeira, de Narón.