O Chanfaina Lab, o festival que coloca a San Sadurniño no mundo

gala dacosta diehl FERROL / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

O equipo desta edición do Chanfaina Lab.
O equipo desta edición do Chanfaina Lab. César Galdo

A iniciativa de produción de curtametraxes recibiu un premio da Academia Galega do Audiovisual

12 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Academia Galega do Audiovisual acaba de recoñecer co XI Premio Especial José Selliero o festival de curtametraxes Chanfaina Lab, que se celebra anualmente en San Sadurniño. Tratándose dunha iniciativa eminentemente rural, a Academia premiou o espírito reinvindicativo e comunitario do festival.

A orixe remóntase ao ano 2014, cando Manolo González tivo a idea de crear un certame onde profesionais do audiovisual amosasen San Sadurniño visto dende os seus ollos. Aínda que a iniciativa xurdiu dos propios veciños, Secundino García, o alcalde, implicouse dende o inicio: «É un festival pequeno, e gústanos que sexa así», sinala.

O curioso nome do certame dá sentido ao resto. A chanfaina é o prato típico das parroquias de Bardaos e Igrexafeita, e segundo explica o profesor Manolo González, era «o prato dos pobres, que se facía co peor embutido. Nós queremos estar aí, cociñando a chanfaina: non somos Hollywood». E predican co exemplo: conviven a vangarda coas pezas de corte máis tradicional, os profesionais cos aficionados, e as persoas maiores cos creadores mozos.

Convivencia interxeneracional

Este proxecto colectivo é diferente e funciona, explican os seus integrantes, como unha cociña. Así, Secundino García é o Másterchef, como eles o denominan; Manolo González é o sous chef dos convidados; Fran Bermúdez, recoñecido youtuber, encárgase da difusión e a xestión das redes sociais; a concelleira de Igualdade, Benestar e Normalización lingüística, Araceli Bellas, encárgase das relacións institucionais; Agustín Pérez, Técnico de Cultura, leva a infraestrutura e, por último, César Galdo é a persoa ao cargo da comunicación. Detrás hai unha vasta rede comunitaria de veciños e asociacións que coadxuvan e traballan afanados por este festival.

«En vinte anos, estas pezas serán un tesouro porque permitirán comprender o pasado da xente de aquí», destaca González. Por San Sadurniño pasaron moitos directores e artistas, como Óliver Laxe, Alfonso Zarauza ou Margarita Ledo. Os convidados limítanse á capacidade de hospedaxe: nove persoas, todas as que admite a estrutura hoteleira do concello.

O cineasta Oliver Laxe asistiu a unha das edicións do Chanfaina Lab de Sadurniño
O cineasta Oliver Laxe asistiu a unha das edicións do Chanfaina Lab de Sadurniño CÉSAR GALDO

Pero o festival non dura só aqueles días nos que se presentan as pezas: é unha ocupación labrega; todo o ano hai un traballo continuado. No mes de setembro ten lugar a sega, a produción; cada venres durante o ano hai unha estrea virtual e xa por último, en febreiro, faise a exhibición das curtametraxes. Están elaboradas por profesionais e aficionados, e non se fai distinción entre unhas e outras. 

Mulleres e apoderamento

Moitos proxectos culturais parten da premisa de fomentar a participación cidadá, pero poucos conseguen democratizar a produción cultural como o Chanfaina Lab. Detrás deste logro está un extenso equipo, dentro do cal se atopa a dinamizadora da aula CeMIT de San Sadurniño, Carmen Suárez, quen xunto coa organización do festival conseguiu que persoas maiores collesen unha cámara ou un teléfono e se puxesen a grabar. Os obradoiros contribuíron a xerar a confianza nos veciños, que compartiron espazos con figuras destacadas do cinema galego.