As noces gáñanlle o pulso ao insecto no Cal, en San Sadurniño

ANA F. CUBA SAN SADURNIÑO / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

CEDIDA

Álvaro Barros, biólogo e produtor, recupera parte da colleita logo dun ano perdido, e comeza a vender tamén castañas

27 oct 2022 . Actualizado a las 23:17 h.

O afán de Álvaro Barros (A Coruña, 45 anos) ten pouco que ver co beneficio económico que busca, lexitimamente, calquera produtor. Di que lle chega con «non perder», nesta aventura que emprendeu hai xa 16 anos na parroquia de Ferreira, en San Sadurniño, na casa dos seus avós paternos. Empezou comprando dúas parcelas «esquecidas» no medio das plantacións de eucaliptos e agora xa ten unha hectárea de terreo, que foi salvando das silvas, con moito traballo, para rescatar nogueiras ou castiñeiros.

O ano pasado quedou sen noces por mor dun insecto procedente de Centroamérica, o Rhagoletis: «É un andacio que entrou nos últimos anos e está arrasando, pon os ovos no momento en que empeza a medrar a noz, na parte do envoltorio verde [que rodea o cascarón], e ao eclosionar aliméntase desa monda verde, e fai que acabe podrecendo por dentro. A infestación é completa». Iso foi no 2021. Este ano parece que as noces do Cal lle están gañando o pulso ao bicho.

«Apliqueime máis, a peste segue atacando de maneira brutal, as noces que levan máis tempo coa monda negra desbótoas, e as que caeron e levaban pouco collinas, limpeinas unha a unha e púxenas a secar. En dez ou quince días, se vexo que están ben, poñereinas á venda», explica. A colleita de noces minguou, pero a de castañas foi a máis, e Álvaro, biólogo autónomo, recólleas e comercialízaas. «O problema é que son máis perecedoiras ca noz... e tamén teñen o problema dun fungo [a maiores da avispiña, Dryocosmus kuriphilus], que ataca moitísimo», sinala.

El no se rende, máis por activismo —fronte ao monocultivo do eucalipto e, especialmente, do abandono da terra— que pola busca dunha rendibilidade económica. Aos compradores agradécelles, sobre todo, o apoio anímico. E quere compartir o que aprende case a diario no monte. Para iso ideou un roteiro, que porá en marcha na primavera, co que pretende amosarlle á xente o que fai, e quen sabe se servir de inspiración para que outras persoas se sumen á súa causa e rescaten o monte do esquecemento.

«Quero transmitir unha mensaxe de conservación, nun monte cada vez máis abandonado, invadido e asoballado», subliña. Sinalizará cuns carteis e marcará oito ou nove paradas para contar as historias que garda esa contorna.