Ramón e a «Cantareliña»

SAN SADURNIÑO

siro

15 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo que non vou a San Sadurniño, pero nos anos setenta e oitenta fun moito para participar nalgunhas das actividades culturais que arranxaba o párroco Ramón Díaz Raña, para asistir a outras e polo gusto de visitar a aquel home bo, humilde, discreto e benquerido polos máis dos sadurniñeses. Antes de Ramón o párroco máis popular fora don Ignacio Martínez Anca, que entre 1903 e 1935 o mesmo esconxuraba e tiraba os malos espíritos das persoas posuídas, que defendía as galiñas do raposo. Tamén adiviñaba o futuro e predixo unha guerra en España, na que loitarían pais e fillos.

Ramón era moi diferente. Home culto, doutorado en Teoloxía cunha tese sobre O sentimento relixioso en Rosalía de Castro, axudou os veciños no papelame para crear cooperativas cando empezaba a concentración parcelaria; formou grupos de crentes que elaborasen material de traballo para a liturxia e a catequese, e por el naceron o grupo musical Saraibas; a publicación Pumariño, con información de todas as parroquias; e o certame de canción infantil Cantareliña. Ramón, tan calado, tan asisado sempre, semellaba non facer nada, pero non deixaba de idear e de animar a facer polo ben da parroquia, polo ben do galego, polo ben de todos. Foi un extraordinario animador cultural lonxe dos focos. A revista Encrucillada vaino recordar no próximo número e falará das súas vivencias na parroquia entre 1971 e 1990; de cando o bispo quixo mandalo a Viveiro e os fregueses de San Sadurniño se mobilizaron e non marchou; de como o celebraron cunha sardiñada e regalaron a Ramón un Dyane 6 e unha máquina de escribir eléctrica; e tamén da secularización e a voda en 1992, e do pasamento en Cáceres o pasado xuño.

Do moito bo que Ramón fixo, eu quedo coa Cantareliña, un proxecto ambicioso que puido levar adiante co esforzo dos membros de Saraibas e doutros colaboradores en toda Galicia. Durante oito anos, centos de nenos cantaron en galego nas súas escolas e participaron nun certame con eliminatorias ata que os finalistas optaban aos premios en actuacións ante miles de persoas no marco do pazo da marquesa de San Sadurniño, transmitidas pola Radio Galega e a TVG. A Cantareliña obtivo en 1986 o Premio da Crítica á Mellor Iniciativa Cultural e xornais e revistas dedicáronlle amplos espazos; sobre todo La Voz, nos suplementos de Cultura. A Cantareliña rematou cando Ramón deixou a parroquia e polo cansazo dos organizadores. A ilusión inicial deulles folgo para oito anos. Pregúntome se hoxe sería unha experiencia repetible e non teño resposta. Farían falta persoas como Ramón Díaz Raña, e non sei se quedan.