«San Sadurniño é un universo de historias, tantas como persoas»

André Couce / A. U. SAN SADURNIÑO / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

A súa labor é conseguir aos participantes do evento, tanto os foráneos coma os locais.
A súa labor é conseguir aos participantes do evento, tanto os foráneos coma os locais. Kiko Delgado

O Chanfaina Lab comezará o próximo 1 de setembro, reunindo a cineastas do audiovisual galego e locais nesta mestura de curtametraxes e visións

24 ago 2022 . Actualizado a las 21:51 h.

Manolo González é un dos membros da cociña do Chanfaina Lab de San Sadurniño, definíndose como o subchef de invitados. Para este ano retomarán o evento tras ter que pospoñelo a raíz de pandemia, levando a cabo a que será xa a edición número sete. O programa arrancará o 1 de setembro ata o 4 do mesmo mes, dos que os participantes disporán de dous días para realizar as filmacións pertinentes e terán ata o mes de febreiro para a montaxe das mesmas. A estrea será a mediados de febreiro e dependendo de non coincidir co entroido.

—Ilusionado por retomalo?

—Cando un está facendo unha travesía e ten que parar por falta de gasolina, é o que toca. O Chanfaina é un encontro de persoas que non se podía realizar pola pandemia. Agora podemos retomar ese encontro de diferentes persoas en San Sadurniño, para que poidan compartir experiencias.

—Cal é a receita para este ano?

—Basicamente que fai diferente o Chanfaina de outras experiencias do país? O primeiro, estamos centrados na produción, non na visualización, con arredor de 35 ou 40 pezas e catro horas de filmes. Logo, son pezas que quedan no patrimonio de San Sadurniño e para o mundo. O que facemos permanece no tempo e temos 100.000 visualizacións desde todo o globo, nos chamaron ata dun festival de Corea por unha peza. O terceiro, é unha mestura de vangarda e cinema popular, con xente de nivel mundial e con rapaces de bacharelato, señoras de San Sadurniño ou cineastas que fan algo que poida entender todo o mundo. Seguindo con isto, cada peza está vinculada a historia de San Sadurniño e produciu xa unhas 135 que se inclúen no magma do patrimonio audiovisual do pobo. A quinta, que potenciamos a participación local. Na primeira foron o 0 % e na última foron o 70 %, e iso para min é dos feitos máis importantes. Por último, é que o Chanfaina dura todo un ano e non hai un só festival que sexa así, nin dedicado a produción.

—Cal será a participación veciñal nesta edición?

—A participación local debe ser do 60 %, non podería dicirche a porcentaxe exacta. Isto contando como locais aos alumnos do IES Concepción Arenal que participarán. De fóra van ser 12 persoas do audiovisual galego.

—Como é a cociña por dentro?

— A ver, o primeiro é que a organización é do Concello de San Sadurniño e co apoio da Deputación. É un esforzo do Concello no que non existe un organizador, senón un equipo de cociña que fai o Chanfaina. Case sempre me poñen de organizador e non é así, o máster chef é Secundino García, eu son o subchef de invitados. Carmen Suárez, Agustín Pérez, César Galdo, en comunicación e prensa, e Araceli Bellas tamén son subchefs, engadindo este ano a Fran Bermúdez como subchef de comunicación en redes sociais. Logo temos os pinches en cada parroquia axudándonos.

—Que lle din os participantes foráneos ao invitalos?

—Non hai que explicar nada, só mirar as axendas. Pasaron 85 cineastas relevantes e todos encantados, as referencias son boas. É volver ós comezos, algo máis directo e libre, sen condicionantes.

—Ve unha evolución nos locais?

—Só hai que ver as pezas das veciñas de Teño unha horta en San Sadurniño, as The Sun Girls, os mozos de Naraíomedia ou Pablo Romero, que dende o vídeo de como ía para ó cole ata o que fai agora non ten nada que ver. Claro que se nota e non hai cineasta que pese máis que ninguén, van todos por orde alfabética.

—Cantas historias ten San Sadurniño?

—A páxina de Fálame de San Sadurniño ten 1.060, debaixo do título ten o número delas. É un universo de historias, tantas como persoas, edificios e sucesos hai. O problema é que a xente de San Sadurniño non coñece esas historias. Se escarvas está cheo de historias humanas e universais.

Recordo aos vinte anos de «O Bosque Animado» cunha exposición no Concello

O festival de produción audiovisual de San Sadurniño arrincará nos catro primeiros días de setembro. A pesar diso, o primeiro dos eventos do Chanfaina de este ano estará dispoñible dende o 29 de agosto ca exposición 20 anos de O Bosque Animado, na galería da Casa do Concello. O conxunto expositivo servirá para rememorar a historia do primeiro filme europeo en 3D, gañador de dous Goyas e primeira película de animación española preseleccionada ao premio Óscar a Mellor Película de Animación. Poderá visitarse ata o 30 de setembro en horario de 08.00 horas a 15.00.

O día 1 de setembro terá lugar o obradoiro de montaxe Corte a Corte impartido por Fran X. Rodríguez, director e realizador. O día seguinte será a quenda do deseñador de son David Machado, gañador dun Goya e 8 Mestres Mateo, co obradoiro Isto non se arranxa na posprodución. Ambos os dous obradoiros desenvolveranse en horario de 09.00 horas a 15.00 na Casa da Cultura, dispondo de 15 prazas de balde para as que haberá que chamar ao 616 01 67 93, en horario de 09.00 horas a 14.00, ou escribindo ó correo carmen.suarez@sansadurnino.gal para inscribirse.

Nos catro días deste evento inicial reproducirase un filme cada día na Casa da Cultura e con entrada libre. O día 1 será A paisaxe humana de San Sadurniño o filme que se poderá ver as 19.00 horas; o día 2 terá lugar a Eira de Cineastas, onde se reproducirán unha peza de cada participante a partir das 20.30; o seguinte día proxectarase Malencolía, de Alfonso Zarauza, ás 20.30 horas; pechara o domingo O ronsel da Chanfaina, cas últimas pezas curtas de Oliver Laxe, Eloy Domínguez, Xisela Franco, Xacio Baño e Lucía Estévez as 19.00 horas.