A Igrexa e a Cultura de Galicia perden a Ramón Díaz Raña, teólogo e experto na obra de Rosalía

SAN SADURNIÑO

CEDIDA

Participou en Roma no Concilio Vaticano II, como secretario particular do bispo Argaya, e foi párroco de San Sadurniño

06 jun 2022 . Actualizado a las 15:48 h.

A Igrexa de Galicia, e con ela tamén a cultura galega, acaban de perder a quen foi unha figura fundamental de publicacións coma a revista Encrucillada, o escritor e sacerdote Ramón Díaz Raña, intelectual galeguista que vén de falacer en Extremadura aos 83 anos de idade. Teólogo e experto na obra de Rosalía de Castro, participou en varias sesións do Concilio Vaticano II como secretario particular do bispo Argaya Goicoechea.

Díaz Raña nacera no ano 1938 na parroquia de Arante, no concello de Ribadeo. Ingresou, sendo neno, no Seminario Conciliar de Mondoñedo, do que despois pasaría á Universidade de Comillas, onde en 1963 se licenciou en Teoloxía. E posteriormente marcharía a Roma, onde ampliou os seus estudos na Universidade Gregoriana.

De volta en Galicia, onde compaxinou o seu labor intelectual co traballo pastoral (mantivo unha estreita relación tanto con pensadores coma con creadores de primeira orde, como Andrés Torres Queiruga, Segundo Leonardo Pérez López e Ramón Piñeiro), puxo en marcha tamén iniciativas como a publicación catequética e litúrxica Boa Nova,  que tivo un dos seus epicentros en San Sadurniño, onde se reunían sacerdotes de toda a diocese como Xosé Chao Rego, Xaquín Campo Freire, Manolo Mejuto, Alfonso Gil Montalbo, Leoncio Pía, Manolo Cillero ou  Martinho Montero Santalha.

Gran coñecedor de toda a poesía galega, e home firmemente comprometido cos que máis sofren, Díaz Raña secularizouse en 1992, e despois marchou a vivir a Cáceres, Pero sempre mantivo o contacto con Galicia, e regresaba, con regularidade, a San Sadurniño, onde o seu recordo perdurará para sempre.

O propio alcalde de San Sadurniño, Secundino Garcia, vén de lamentar publicamente, en nome de todo o concello, a morte de Ramón Díaz. «Mentres estivo aquí como párroco -sinala o rexedor-. Díaz Raña fixo un labor extraordinario, e foi unh verdadeiro dinimazador tanto da vida cultural coma social». En similares termos se expresaba, tamén, o profesor Martinho Montero Santalha, gran amigo persoal de Díaz Raña, que compartiu moitas horas con el tanto en Roma, cando ambos os dous eran alumnos ds Universidade Gregoriana, como á súa volta en Galicia: «Ramón foi un traballador abnegado e silecioso que non pedía nada para si -di Montero Santalha-. En San Sadurniño deixou unha pegada moi fonda. Impulsou o nacemento do grupo musical Saraibas e do festival Cantareliña, que foi unha actividade importantísima. E desde o punto de vista teolóxico, foi o defensor dunha teoloxía nova, moi conciliar e moi pegada á terra e ao pobo».