Cento dez veciños dan cor a patios e ventás no concurso San Sadurniño en flor

San Sadurniño / La Voz

SAN SADURNIÑO

CEDIDA

O domingo entregaranse os trinta premios outorgados polo ConcelloA iniciativa cumpriu cos obxectivos de mover a economía local e contribuír a darlle colorido a moitas vivendas do municipio OUTRO XEITO DE VIVIR O DÍA DE SANTA ISABEL

02 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os veciños de San Sadurniño están de festa polo día de Santa Isabel, e de non ser pola pandemia do covid-19 habería música e outras actividades. Pero as celebracións quedan para o ámbito privado. Esta xornada cadra coas vésperas da entrega dos premios do primeiro concurso San Sadurniño en flor, unha iniciativa do Concello na que participaron 110 veciños. «O que pretendiamos cumpriuse», subliña Manuel Varela, concelleiro de Desenvolvemento Local. O obxectivo principal era dinamizar a economía, coa compra, por parte do Concello, da planta que distribuíu entre os veciños, e agora cos agasallos, que se entregarán o domingo, ás 12.00 horas, no consistorio. Estes son os premios que recibirán os trinta galardoados: unha froiteira e unha oliveira galegas, de Viveiros Gundín; queixos de Lácteos O Casal e de Brigantia; requeixo de Bardaos; unha lata de galletas ecolóxicas de nata Maruxas; pementos da horta de José Luis Sanjurjo; unha lámina dos Garabatos de Juanlu; e seis bonos de 40 euros para gastar nos restaurantes do municipio: Casa Casal (Igrexafeita), Os Cazadores (Santa Mariña), O Ferrador e A Granxa (San Sadurniño) e Riboira (Lamas). O outro obxectivo, «engalanar o concello», tamén se acadou, como sinala Varela, con patios, peches e xardíns máis vistosos, xanelas e balcóns cheos de flores e composicións florais no exterior das vivendas. Estas son as tres categorías do certame.

Proxección de «María Solinha»

Para mañá venres, o Concello programa a proxección da película María Solinha, de Ignacio Vilar, na zona do Arboreto da Cortiña. Onte xa só quedaban 50 dos 200 convites. Hai que reservar no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no 616 332 919.