«Permitirá xerar un valor engadido ao produto fresco, algo inviable en solitario»

A. F. C. SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

Xosé María García Villaverde, presidente da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, confía en que o centro impulse o desenvolvemento rural na zona

01 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Para o presidente Asociación Agroecolóxica A Cortiña, a posta en marcha dun centro de transformación alimentaria favorecerá o desenvolvemento da zona. «O máis importante é as portas que pode abrir, se se fai ben, porque facilitará que algunha xente dea saída a unha produción estacional, que a teña para todo o ano e a poda comercializar cun rexistro sanitario, ben como un complemento económico ou, cun maior volume, como unha saída laboral», sostén Xosé María García Villaverde, responsable dunha explotación agrogandeira ecolóxica en Naraío (San Sadurniño).

-¿Que pode saír de aquí?

-O efecto a maiores, se se xestiona ben, é o arrastre. Cando se comece a utilizar será pouca xente, pero se lles funciona e obteñen uns ingresos por un produto de calidade que poñen no mercado, iso xera un arrastre na contorna, xente que se anime a plantar froiteiras ou a sacarlles un rendemento ás que ten, ou que pase duns ingresos complementarios a algo máis serio, coma forma de vida. Arredor xerase unha actividade de intercambio e formación.

-¿Percibe unha demanda?

-Aquí e fóra, sempre se fala de xerar un valor engadido ao produto fresco, da necesidade de transformalo. Asumilo en solitario é moi custoso, inviable para moita xente; así permíteche probar se funciona, con menos risco.