Froita autóctona de calidade en Naraío

Ana F. Cuba SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

JOSÉ PARDO

Crean unha plantación ecolóxica no Eirixado, en San Sadurniño

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A plantación de froiteiras autóctonas creada por Manuel Varela e Manuel Ángel López no Eirixado, en Naraío (San Sadurniño), cumprirá tres anos na primavera. «É o tempo que precisamos para a inscrición no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega)», contan. Xa andan a voltas coa marca e o logotipo cos que van comercializar a froita, e mesmo coa presentación e o tipo de envase, que informará das características de cada variedade. «Vai ser progresivo, a plena produción estará aos oito ou dez anos», indican.

En total, teñen 253 plantas de 15 variedades: ameixeira claudia do país, de setembro (14); ameixeira branca do país, de xullo e agosto (16); ameixeira collón de frade bermello, de agosto (18); maceira tabardilla do país, de setembro (19); reineta de gardar, de novembro (20); maceira da sega, de xullo e agosto (17); santiaguesa, da mesma época (18); maceira tres en cunca (17); reineta de san Bieito, de setembro (22); bicuda, de outubro e novembro (18); sangue de touro, de novembro (22); pereira manteiga do país, de setembro (19); urraca lexítima, de setembro (14); san Xoán, de xuño e xullo (12); e maceira de san Xoán, nos mesmos meses (7).

«Plantamos por filas, cada unha cunha variedade distinta; tratamos de ter froita de cedo, de verán e de tarde, porque é un produto de temporada, que non vai á cámara; cóllese na sazón, no momento adecuado de sabor», explica Varela. Nin el nin o seu socio viven disto, pero «aquí sempre houbo esa inquedanza, deuse ben a froita», comenta, convencido de que o campo ten futuro.

«É unha aposta, nesta situación de crise, contamos cuns recursos e non os estamos aproveitando», sinala. Buscan un produto de calidade que, en principio, queren ir dando a coñecer en froiterías da comarca e nas feiras de San Sadurniño. Esta iniciativa súmase a outras xa en marcha pola zona. «Algo empézase a mover», constata. Como proba o nacemento, hai uns meses, da Asociación Agroecolóxica A Cortiña.