Adiva do Eume, a historia da zapataría que hoxe é pensión na vila de Pontedeume: «Miña bisavoa xa facía zapatos»

ANA F. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

<span lang= gl >Katy á porta da pensión, que antes foi unha zapataría, e coas formas de madeira no escaparate da dereita</span>
Katy á porta da pensión, que antes foi unha zapataría, e coas formas de madeira no escaparate da dereita CARLOS CARBALLEIRA

Katy Placer, filla e neta de emigrantes, rehabilitou a propiedade familiar da praza das Angustias e outros tres apartamentos que herdou no pobo

29 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A eumesa Katy Placer Vázquez naceu hai 52 anos en Francia, a onde emigraron seus avós maternos e tamén seu pai. El era eumés, coma súa nai, pero coñecéronse en Lyon. Katy retornou á vila en 1994 por amor: «Viña todos os veráns de vacacións e un ano coñecín ao que hoxe é o meu marido [Jorge Allegue Freire, de 54 anos]». Esta empregada de banca herdou varias propiedades familiares que levaban tempo abandonadas, e en lugar de vendelas —«non quería, polo valor sentimental que teñen para a familia»— decidiu rehabilitalas. Para iso constituíu unha empresa, Adiva do Eume, na que participan o seu home e as dúas fillas. Querían que tivera algunha relación co mar e por iso lle puxeron Adiva, que era o nome do barco de seu tío Chicho.

A firma, que conta con dúas empregadas, xestiona un apartamento turístico en Miño, a poucos metros da praia Grande, en funcionamento desde 2023; outros tres en Pontedeume —un na rúa Inmaculada, Adiva Suite, aberto desde 2024; e dous na rúa Empedrado, Adiva Loft e Adiva Casa da Avoa, operativos desde o verán de 2025— e unha pensión de dúas estrelas, A Zapataría, na praza das Angustias. Para este último proxecto recibiron unha subvención do GALP Golfo Ártabro Norte. Este aloxamento fala da historia familiar. A bisavoa de Katy tiña unha zapataría na rúa Inmaculada, «e alí arranxaba e facía calzado, naquela época», relata. Pero era un local moi pequeno e seu avó Salvio (fillo da súa bisavoa zapateira) comprou a casa que hoxe é pensión, na praza das Angustias, no mes de xuño de 1936, cando casou. No baixo facía o calzado e a parte de arriba era a vivenda.

O avó Salvio

«Alí estivo meu avó de zapateiro ata 1961, cando emigrou a Francia. Despois seguiu seu cuñado Suso (meu tío avó), ata 1977, cando volveu meu avó xubilado de Francia. E desde 1977 ata 2010 continuou co negocio o seu fillo Manolo (meu tío). Ao principio tamén estaba meu avó Salvio con meu tío, para ensinarlle o oficio, porque Manolo nunca traballara de zapateiro», repasa Katy. Explica que Suso xa empezara antes de 1961, co seu avó: «Durante uns anos xa tivera que encargarse da zapataría, mentres meu avó estaba no cárcere, porque foi represaliado político».

<span lang= gl >Katy, na escaleira da pensión, coa máquina de coser da zapataría como elemento decorativo</span>
Katy, na escaleira da pensión, coa máquina de coser da zapataría como elemento decorativo CARLOS CARBALLEIRA

Aquel edificio da praza das Angustias converteuse, desde finais do ano pasado, nunha hospedaxe de tres habitacións de 25 metros cadrados (con baño), unha por planta. Por dimensións merecía a categoría de tres estrelas, pero ao non ter posibilidade de instalar un ascensor quedou en dúas. Na vella zapataría habilitaron unha zona común, con cociña e comedor para os hóspedes. O legado familiar consérvase na decoración, coas ferramentas da antiga zapatería, a máquina de coser (na escaleira) e as formas de madeira coas que durante décadas traballaron os devanceiros de Katy, á vista no escaparate.

Esta eumesa veu unha boa oportunidade «nun sector que está medrando [o turismo] e aínda vai medrar máis, xa se nota desde 2023 que hai moitísima xente máis». De momento, ri, acumula débedas, logo dun importante investimento na rehabilitación. Sinala que en Miño, onde alugan por un mínimo de dúas noites, as estancias adoitan ser máis longas, dunha semana e dez días, mentres que en Pontedeume hainas de tres días e dunha semana, sobre todo no verán, pero a maioría da clientela, en especial no inverno, son camiñantes que pasan a noite rumbo a Compostela. «Os peregrinos botan un día, e hai que lavar sabas, toallas, fundas de nórdicos, protectores de colchón... por iso temos lavandería propia», comenta.

Logo de máis de trinta anos en Pontedeume, esta eumesa destaca a calidade de vida que atopou na vila: «Gañei moito pasando de vivir nunha cidade a un pobo, sobre todo cando tiven as miñas fillas». De pequenas, faláballes en francés e, de feito, a maior escolleu este idioma no grao de Linguas e Literaturas Modernas. A vida desta familia está chea de casualidades. «Por parte de meu pai, eran pescadores, e el foi dúas veces a Terranova de rapaz. Miña nai coñecía a un irmán de meu pai, Pepe, que traballara na zapataría con meu avó, pero a el non (ata Francia)», narra. No país veciño, seu pai traballaba de soldador e súa nai, de costureira, nun obradoiro téxtil, ata que naceron as fillas (súa irmá segue en Lyon).

A leiteira e a fonte

Seu pai morreu e agora coida da súa nai e duns tíos moi achegados. A Katy, a pensión da praza das Angustias tráelle moitas lembranzas, porque alí pasou moitos veráns: «Recordo, de pequena, todas as casas coma dos meus avós (hoxe hai edificios altos e só quedan dúas ou tres). E a tinturaría e a tenda de calceta, e o perruqueiro... cada baixo tiña un negocio. Eu viña dunha cidade e aquí chamábame a atención que viñera a leiteira traernos o leite cada día... en Francia tomábao en tetrabrick (risas), ou ir á fonte coller auga, e levar as empanadas e os doces feitos na casa ao forno, para que os coceran». A súa bisavoa dábaselle moi ben a cociña e ela conserva algunha receita. Adiva do Eume ten moito de homenaxe ao legado familiar.

«Recordo a praza das Angustias, de pequena, cun negocio en cada baixo»