O cortexo cívico de Pontedeume rememora mañá a homenaxe poética que Novoneyra dedicou á vila

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

PONTEDEUME

A soprano Ana Belén Manteiga, no cortexo do 2025, na homenaxe á cantora Rosario Salgado, nacida en Pontedeume en 1847.
A soprano Ana Belén Manteiga, no cortexo do 2025, na homenaxe á cantora Rosario Salgado, nacida en Pontedeume en 1847.

O Ateneo Fernán Martís e o colectivo Terra promoven unha xornada na que, como cada ano, a cultura sae á rúa na busca dos lugares dos creadores

16 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Oir ondear / coma alentar / e a barca que trai / o mar que se vai...». O cortexo cívico de Pontedeume rememora este domingo, polo Día das Letras, a homenaxe poética que Uxío Novoneyra dedicou en 1996 á vila mariñeira. Nunha xornada que, como cada ano, a cultura sae á rúa da man do Ateneo Fernán Martís e o colectivo Terra, apoiados polo Concello e a Deputación da Coruña. Precedido pola banda Charamela, que anima o cortexo, iniciarase ás 12 horas a marcha polos lugares dos creadores en Pontedeume, que partirá do xardín de Lombardero. Alí o xornalista ourensán Luís Álvarez Pousa evocará os veráns de Fermín Bouza Álvarez na rúa dos Irmandiños. Non moi lonxe, ante o torreón dos Andrade, o poeta monterrosino Daniel Salgado recordará aqueles versos eumeses que Novoneyra entregou ao seu amigo e anfitrión Ramón Regueira. Na mesma costa do torreón, fronte o edificio concibido polo arquitecto Eduardo Rodríguez-Losada, o tamén arquitecto Felipe Peña glosará o traballo daquel arquitecto e músico. O pintor Tono Correa Corredoira falará na rúa Pescadería do milleiro de lenzos de tema mariñeiro que compuxo Abelardo Miguel. Na rúa Santiago número 5, a escritora María Besteiros ocuparase da poeta Xohana Torres, que sendo unha moza empregouse alí mesmo na oficina de Telégrafos. Sen moverse da rúa, no número 1, o actor Tito Asorey enxalzará a figura do pioneiro dramaturgo en galego Galo Salinas. Xa na praza da Angustia o poeta Pepe Cáccamo festexará os veráns eumeses de Luís Pimentel. E nesa mesma praza, como remate, a Coral Polifónica Eumesa renderá tributo ao poeta da vila Ramiro Fonte.