De muro de castigo a muro de honra, camiño do porto de Pontedeume

ANA F. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

Recreación do monumento que o Ateneo pretende erixir ao pé do muro
Recreación do monumento que o Ateneo pretende erixir ao pé do muro CEDIDA

O Ateneo Fernán Martís produce un documental sobre os represaliados do franquismo que ergueron o valo do barrio do Porto, que se proxecta o día 17

16 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Moitas persoas das que non coñecemos o seu nome pero das que hai lembranza na vila foron condenadas a levantar este valo de pedra», expón José Barro, presidente do Ateneo Fernán Martís, no documental O Valo do Porto, producido pola entidade eumesa e que se proxectará este venres, ás oito da tarde, na Casa da Cultura de Pontedeume. Este filme de 18 minutos, dirixido por Xosé Bocixa, lembra aos represaliados do franquismo «que ergueron o valo do barrio do Porto en réxime de traballo escravo».

«Meu avó era republicano, pertencente a Esquerda Republicana. Impuxéronlle que tiña que traballar en réxime semi escravo, e traballou neste muro, desde o principio ata o final», narra Ramón Yáñez, socio do Ateneo, igual que Anxos García Ponte, que resume así o acontecido: «Foi unha humillación máis. Como dicían os meus avós ‘esmajáronnos'». O historiador ferrolán Bernardo Máiz recita o poema de Ricardo Carvalho Calero Como pudemos viver?: «Muitos morrerom, mas nom falo agora desses mortos; falo dos que tiverom que viver morrendo entre os seus matadores, lendo a imprensa que de lama os enchera, saudando as insignias contra as quais militaram. Como pudemos viver? E mais vivemos».

Máiz refírese á represión «carceraria, lingüística, á coacción católica, á coerción sobre a muller, ás sancións económicas, ás depuracións profesionais, aos batallóns de castigo, aos desterros, ao exilio, aos silencios». E alude «ás malleiras, ás humillacións, ás pelachas, ao aceite de ricino, ás queimas de libros, ás colectas obrigatorias, á corrupción, á chulería e aos abusos de falanxistas, militares, policía e Garda Civil». O mesmo que ás mulleres e aos homes «en traballos forzosos, picando pedra nas estradas e camiños en Redes, Cabanas, Maniños, Cervás... pondo adoquíns no peirao de Mugardos, erguendo o valo de Pontedeume. Todo iso non pode ficar no esquecemento». Iso pretende o Ateneo Fernán Martís, recuperar a memoria. Para iso propón instalar un monumento ao pé do muro de pedra que vai ao porto, erixido entre os anos 1938 e 1942.

Historias de vida nas pedras

No documental tamén se escoita a voz de Valentín G. Bóveda, vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda. «Noutras ditaduras que duraron menos tempo desmontáronse antes os instrumentos de castigo ou as obras construídas por presos. Pero no Estado español non... No caso de Pontedeume, a iniciativa do Ateneo é moi importante porque pode reconverter un muro que utilizaron as forzas antidemocráticas para castigar aos demócratas, nun muro de honra [...]. Este tipo de patrimonio material convértese en patrimonio inmaterial, intanxible... esas pedras do muro teñen cantidade de vida e de historia, historias de vida».

«Iso é moi importante —subliña— porque o noso futuro ímolo construír se somos capaces de traer esa loita, ese patrimonio dos nosos. Nós somos os herdeiros e vivimos dunha herdanza inmaterial. Se conseguimos que aflore para a historia de Pontedeume e a de Galicia, e para as vivencias dunha sociedade democrática... Se mantemos o muro abandonado sabendo o que ocorreu alí a indignidade é aínda maior. Non é un muro calquera, foi feito como castigo duro, poñer pedras en condicións infrahumanas, buscando que a xente sufrira polas súas ideas».

Para o neto de Alexandre Bóveda «a visibilización é fundamental»: «E se chegamos ata aquí [sen facer nada] é porque non fomos quen como sociedade de demandar con tal forza ás Administracións que nos fixeran caso... Chegamos a 2023 con cantidade de muros coma o valo do porto de Pontedeume ciscados polo país, sen darlles valor e sen prestarlles a máis mínima atención. O ideal sería que fora antes, pero para visibilizar algo que ten que ver cos valores democráticos da vila e co seu patrimonio cultural sempre é bo momento».