Dúas alumnas de 4.º da ESO do IES Breamo, de Pontedeume, gañan o certame Tíralle da lingua
PONTEDEUME
Carolina López e Lidia Chapel crearon un relato entre distópico e real da covid, o volcán de La Palma ou a guerra de Ucraína
21 ene 2023 . Actualizado a las 16:11 h.A Carolina López Cabarcos, veciña de Cabanas, e á súa compañeira Lidia Chapel Fernández, burelense asentada en Pontedeume desde os sete anos, non custa moito tirarlles da lingua. Teñen 15 anos, son falangueiras e extravertidas, e aínda que as dúas, estudantes de 4.º de ESO no IES Breamo, de Pontedeume, se decantan polas ciencias, son boas lectoras e manéxanlle moi ben coas letras. Así o demostraron no certame Tíralle da lingua, convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega para a comunidade educativa, «co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias no ámbito académico».
Na edición de 2021, esta parella de oradoras quedou segunda na súa categoría (de 1.º a 3.º da ESO), e na de 2022, que se celebrou no outono, foron as primeiras, xa na outra sección, a que vai de 4.º da ESO a 2.º de Bacharelato. «Para min é un orgullo», recoñece Carolina. Ela e máis a súa amiga Lidia están moi contentas polo premio: 250 euros para elas e outro tanto para o centro. Pero a súa alegría vai moito máis aló da dotación económico, que recibiron pouco antes do Nadal. «Está moi ben, a maioría dos nosos compañeiros teñen unha idea deste concurso e de falar galego... coma que non o ven moi ben, parécelles unha tontería. Na miña casa sempre se falou galego, aprendín castelán na escola», explica Carolina. «En Burela, onde pasei a infancia, fálase moito galego. Logo, en Pontedeume acostumeime ao castelán cos compañeiros», apunta Lidia.
Esta vez, tardaron en decidir concorrer ao certame. Cando xa o viron claro presentáronlle a idea aos profesores e despois diante do público do IES, a modo de ensaio do vídeo que tiñan que gravar para mandar ao concurso (antes da pandemia era presencial). O seu foi un diálogo inspirado na actualidade destes últimos anos. Carolina interpretaba a unha cidadá de 2022 que viaxa ao ano 2019 e se atopa con Lidia, e coa mesma empeza a contarlle «todas as loucuras que pasaron neses anos». A pandemia da covid, a erupción do volcán de La Palma, a guerra de Ucraína...
Á persoa que interpreta Lidia aquel relato «pareceulle tan surrealista que chamou á ambulancia», porque a súa interlocutora «tiña que estar tola». Estas dúas adolescentes viviron todos eses feitos e recoñecen que lles afectaron moito, en especial a covid e a volta á rúa coas caras cubertas coas máscaras. No centro gustoulles moito o seu argumento, exposto en algo menos de cinco minutos, e ao xurado do concurso Tíralle da lingua tamén.